O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, formalizaron hoxe o acordo na casa do concello

A Xunta e o concello de Ribadeo asinan o convenio de colaboración para impulsar o novo centro de saúde cun investimento de máis de 5 M€

A nova infraestrutura sanitaria disporá dunha superficie de máis de 2.500 m2, o que permitirá contar con máis consultas, mellores circuítos asistenciais e tamén con novos servizos

O Concello de Ribadeo comprométese a cederlle ao Sergas a parcela para que constrúa o novo centro de saúde

O Goberno galego agarda licitar no primeiro semestre do ano 2026 a redacción deste proxecto, co obxectivo de licitar a execución das obras na primeira metade de 2027

Ribadeo (Lugo), 26 de decembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para impulsar a construción do novo centro de saúde deste municipio. O Executivo galego ten previsto realizar un investimento de máis de 5 millóns de euros para mellorar a calidade asistencial da poboación ribadense.

Durante o acto de sinatura, no que tamén estivo presente o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, o titular de Sanidade apuntou que o concello de Ribadeo cederá ao Servizo Galego de Saúde uns terreos que superan os 4.500 m2 de superficie.

Así, e segundo explicou Gómez Caamaño, o novo centro de saúde contará con máis consultas, mellores circuítos asistenciais e tamén con novos servizos, ao pasar dos 1.987 m2 do actual centro de saúde, ata os 2.500 m2 dos que disporá a nova infraestrutura sanitaria.

En concreto, o novo centro de saúde contará con 5 consultas de adultos, 1 consulta do programa da muller, 1 consulta de hixienista dental e 1 despacho de coordinación. Ademais, tamén se reforzarán os espazos do PAC con novas áreas de observación e reanimación.

Co obxectivo de achegar á poboación unha atención máis integral e multidisciplinar, o futuro centro de saúde de Ribadeo disporá de áreas específicas de pediatría, saúde da muller, fisioterapia, odontoloxía, radioloxía, traballo social e docencia.

O máximo responsable da Sanidade pública galega apuntou que, tras a aceptación dos terreos por parte do Consello da Xunta, o seguinte paso será licitar a redacción do proxecto construtivo do novo centro de saúde, un procedemento que previsiblemente terá lugar durante o primeiro semestre de 2026. O Goberno galego estima que durante o primeiro semestre do ano 2027 se procederá a licitar a execución das obras da nova infraestrutura sanitaria.

O conselleiro remarcou que a atención primaria adoita ser a porta de entrada ao sistema sanitario e o corazón da sanidade pública e que, por este motivo, a Xunta consignou nos orzamentos para o vindeiro ano unha partida de máis de 60 M€ para a construción e reforma das infraestruturas da atención primaria galega.

Data de actualización: 26/12/2025