A Xunta licita por máis de 550.000 € a limpeza do centro de especialidades de Mollavao e de 24 centros de saúde da área de Pontevedra e O Salnés

O contrato ten unha duración prevista de seis meses e prevé a limpeza dunha superficie total de aproximadamente 27.900 metros cadrados

As empresas interesadas neste contrato dispoñen ata o 21 de xaneiro para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2025

A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por 552.840,06 euros e un período de seis meses, do servizo de limpeza do centro de especialidades de Mollavao, na cidade de Pontevedra, e de 24 centros de saúde pertencentes á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

En relación ao centro de especialidades de Mollavao, divídense as zonas en función das condicións de limpeza e as necesidades segundo os riscos de infección para o paciente e o traballo que se realiza en cada zona. As áreas cirúrxicas establécense como zonas de risco alto; as consultas externas, salas de curas, de extraccións, urxencias, fisioterapia, radioloxía e odontoloxía, como risco medio; e vestíbulos, corredores, escaleiras, ascensores, cuartos de máquinas, vestiarios ou salas de estar son consideradas zonas de risco baixo.

Os centros de saúde obxecto do contrato son Tenorio e Cerdedo (ambos no municipio de Cerdedo-Cotobade); Arcade (en Soutomaior); O Grove; A Illa de Arousa; Seixo (Marín); Marín; Moraña; Dena (en Meaño); Meaño; Vilalonga (en Sanxenxo); Sanxenxo; Raxó (en Poio); Vilagarcía de Arousa; Caldas de Reis; Mosteiro (Meis); Catoira; Forcarei; Ribadumia; e, na cidade de Pontevedra, os centros de saúde de Lérez, Monteporreiro, A Parda e Virxe Peregrina.

Neste caso a limpeza ten en conta o nivel de uso de cada centro, segundo teña actividade asistencial en horario de mañá exclusivamente, en horario de mañá e tarde, ou ben conte con urxencias de atención primaria e o seu funcionamento sexa os 7 días da semana e as 24 horas do día. A superficie total a limpar é aproximadamente de 27.900 m2.

As empresas interesadas neste contrato dispoñen ata o 21 de xaneiro de 2026 para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 27/12/2025