María José Gómez celebra a consolidación das Aldeas de Nadal de Lalín como referente turístico nestas datas
A conselleira do Medio Rural visitou esta iniciativa, que vén de recibir o apoio da intervención Leader para incrementar as súas opcións fóra do casco urbano
Gómez subliñou que estes seis pequenos poboados contribúen á dinamización social, económica e cultural da localidade nestas datas, favorecendo a afluencia de visitantes
Lalín (Pontevedra), 26 de decembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, considera que as Aldeas de Nadal de Lalín contribúen á dinamización social, económica e cultural da localidade nestas datas, favorecendo a afluencia de visitantes, co conseguinte beneficio, especialmente, para o sector comercial e hostaleiro da vila. Así o destacou na súa visita a estas instalacións, na que estivo acompañada polo alcalde lalinense, José Crespo.
A iniciativa recibiu o apoio do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) 16, Pontevedra Norte, dentro da intervención Leader, cunha achega de preto de 50.000 euros para facilitar o seu constante avance e consolidación como atractivo turístico de referencia na contorna e mesmo no ámbito galego.
Así, con este investimento dáse un paso máis cara a súa evolución fóra do casco urbano e con dous elementos salientables e icónicos. En primeiro lugar, a Casa de Papá Noel, cunha estética nórdica e un ambiente inmersivo que transporta os visitantes a un mundo máxico. En segundo termo, unha gran árbore de Nadal, cunha estrutura innovadora que permite visitar o seu interior, converténdose nun punto de referencia e de encontro familiar.
As Aldeas de Nadal son seis pequenos poboados temáticos que se instalan durante estas festas en varios espazos de Lalín. Están abertas todo o día e contan cun completo programa de actividades, incluíndo tren turístico, música, contacontos e espazo gastronómico.
Hai xa uns catro anos que o Concello decidiu apostar por estas montaxes que están a encher o Nadal de Lalín de movemento e visitantes. Teñen particular éxito entre os máis cativos, que poden xogar no interior das casiñas, pero tamén son un reclamo para o público xeral.