O secretario xeral da Lingua participou na rolda de prensa na que se deu a coñecer o texto recoñecido nesta vixésimo quinta edición do certame de ensaio
A Xunta e Galaxia anuncian a obra ‘A arte de non morrer’ como gañadora do premio Ramón Piñeiro
A convocatoria conxunta entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a editorial distingue propostas de carácter divulgativo
O galardón, que recibe o médico e escritor ourensán Roberto Fernández, está dotado con 3.000€ e coa publicación do libro
Valentín García destaca que se trata “dun recoñecemento de gran relevancia para a nosa lingua e este texto vai ter unha contribución moi útil”
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025
A obra A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega, do médico Roberto Fernández Álvarez, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2025, que organizan conxuntamente a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Editorial Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega.
Así se anunciou hoxe nunha rolda de prensa na que o secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou esta distinción “como a máis relevante e de maior trascendencia neste xénero do ensaio para a nosa lingua”. Ademais, fixo fincapé na temática abordada, a da lonxevidade, puntualizando que “vai ter unha contribución moi útil a nivel científico e divulgativo”. Neste senso, tamén resaltou a profesión do autor “porque ao longo da nosa historia son moitos os médicos que forman parte do noso acervo cultural”.
Deste xeito, o xurado destacou sobre o texto premiado a súa capacidade para achegar un tema de actualidade como é o da esperanza media de vida e a lonxevidade social, explicando estas realidades desde un fondo coñecemento médico especializado que afonda no bioquímico, na tecnoloxía dos alimentos e na vida saudable. Así mesmo, tamén se salientou como se relaciona ese saber coa cultura socializada e as citas de autoridade literarias e artísticas, así como a fundamentación antropolóxica, filosófica e sociolóxica.
O premio está dotado con 3.000 euros e a obra será publicada pola Editorial Galaxia durante o próximo ano.
Médico e escritor
Roberto Fernández Álvarez (Ourense, 1967) é un médico e escritor galego. Como autor literario foi distinguido no ano 2022 co Premio Blanco Amor pola súa novela A inmoral doutora Cons. Como ensaísta, recibiu o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais no 2017 pola súa monografía Enfermos pobres, médicos tristes.
25 anos dos galardóns
Este premio, que vai pola súa vixésimo quinta edición, convócase en memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, na tradición do pensamento literario e o xénero de ensaio, e acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria intelectual da persoa á que se honra, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo