Belén do Campo presenta na Coruña o gran espectáculo ‘Reinventio’, unha proposta escénica de gran formato de circo, maxia e danza que conta co apoio da Xunta

A delegada da Xunta e o seu creador Martín Varela explicaron o contido das tres funcións que se realizarán no Teatro Colón o 3 e o 4 de xaneiro

A Coruña, 30 de decembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, presentou no Teatro Colón o espectáculo Reinventio que ofrecerá tres funcións na cidade, o 3 de xaneiro (18.00 e 20.30 horas) e o 4 de xaneiro (18.00 horas). A representante autonómica, que estivo acompañada polo creador da obra, Martín Varela, destacou o apoio do Goberno galego ao evento a través de Turismo de Galicia. “A promoción da cultura é un dos obxectivos da Xunta de Galicia polo que iniciativas como Reinventio son prioritarias para que cheguen ao máximo público posible”, sinalou Belén do Campo. O espectáculo está organizado por Thinking Up Events.

Durante a súa intervención, a delegada puxo en valor a incorporación deste tipo de producións á oferta turística da Coruña reforzando o posicionamento da cidade como destino turístico, cunha oferta diversa e de calidade que atrae visitantes ao longo de todo o ano.

Tal e como subliñou Belén do Campo, “os grandes espectáculos escénicos xeran un impacto directo no territorio, tanto en termos de creación de emprego como de dinamización da hostalaría, o comercio e os servizos, contribuíndo a distribuír os fluxos turísticos e a potenciar os recursos locais”.

Durante a presentación, o artista  portugués Andrew Noronha, vinculado ao mundo do circo dende os dous anos levou a cabo unha pequena actuación como anticipo ao que nos espera no espectáculo.

Con preto de 25 números distribuídos en catro actos baséase na fusión de disciplinas como a maxia, o circo e a danza, que se entrelazan de forma continua, afastándose de compartimentos estancos para establecer un diálogo creativo que invita ao público a mirar a realidade desde unha perspectiva diferente.

Esta proposta artística complétase cun importante despregamento técnico de gran complexidade, no que cada elemento está coidadosamente integrado. A iluminación, o son, o vídeo, a escenografía, a tremoia e os efectos escénicos de gran formato operan como un único mecanismo, adaptándose a cada espazo teatral. Os números aéreos de elevada dificultade, xunto con aparicións, desaparicións e espectaculares momentos de suspensión capilar, son mostra dunha artesanía escénica que esixe máxima precisión, planificación e unha coordinación constante entre intérpretes e dispositivos técnicos.

Ao longo dos seus 90 minutos sen descanso, o espectáculo constrúe unha viaxe continua que conecta simbolicamente co espírito do Camiño de Santiago: un espectáculo galego de gran formato, pensado e producido en Galicia, que aspira a chegar ao gran público sen renunciar á sensibilidade artística nin ao coidado polo detalle.

A xira 2025/2026 incluíu nove funcións en sete cidades quedando pendentes A Coruña (3 e 4 de xaneiro, Teatro Colón) e Santiago de Compostela (17 de xaneiro, Auditorio de Galicia).

A produción vén avalada polo éxito que rexistrou o espectáculo Inventio, impulsado no marco do Xacobeo e que serviu de base para esta nova creación.

Do Campo felicitou aos promotores por traer á Coruña unha das propostas culturais máis atractivas do Nadal. As entradas están dispoñibles nas páxinas web www.reinventio.gal e en www.ataquilla.com.

Datos turísticos

Belén do Campo amosou a súa satisfacción polos datos turísticos da cidade da Coruña que indican que de xaneiro a novembro, a cidade recibiu a visita de 503.609 viaxeiros, o que supuxo un incremento do 12,4%, facendo máis de 1 millón de noites, acadando tamén unha suba do 13,3% con respecto ao mesmo período de 2024. “Cabe salientar -engadiu- o incremento rexistrado no número de turistas internacionais que aumentou neste período de 2025 de máis dun 18%”.

A delegada subliñou que este comportamento turístico é grazas, en parte, ao apoio que vén prestando a Xunta de Galicia á promoción turística da cidade que se ratifica nun investimento de máis de 2,2M€ en distintos eventos e espectáculos musicais e culturais. Este conxunto de eventos na cidade forman parte dos 82 concertos, festivais e eventos repartidos por toda a provincia coruñesa aos que asistiron  máis de 750.000 persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/12/2025