A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático presidiu hoxe o acto de adhesión da entidade supramunicipal á Sociedade Galega de Medio Ambiente

A Xunta salienta a incorporación ao modelo Sogama da mancomunidade serra do Barbanza

A partir deste xoves, 1 de xaneiro, a empresa pública xestionará os refugallos domésticos recollidos pola mancomunidade, que actualmente presta este servizo a un total de nove concellos cunha poboación de algo máis de 87.000 habitantes

Ángeles Vázquez destaca a transcendencia dun acordo que ten como fin “dar o mellor servizo á cidadanía” e pon en valor a planta de Cerceda pola súa eficiencia e capacidade para procesar os residuos de toda Galicia, en liña coas directivas da UE

Explica que, logo do acordo adoptado, Sogama podería tratar os residuos urbanos procedentes de 304 concellos galegos, o que supón o 97% do total

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

A Xunta salienta a incorporación da Mancomunidade Serra do Barbanza ao modelo da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), un acordo que foi rubricado hoxe en Santiago e permitirá garantir a xestión sostible dos seus residuos conforme á lexislación vixente.

Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que presidiu o acto de adhesión da entidade supramunicipal a Sogama, asinado entre o presidente da empresa pública, Javier Domínguez, e o da mancomunidade, Pablo Lago.

A partir deste xoves, 1 de xaneiro, os residuos recollidos por Serra do Barbanza —que actualmente se encarga do lixo doméstico de nove concellos (Ames, Brión, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Pontecesures, Porto do Son e Rois) nos que viven 87.097 habitantes— serán xestionados por Sogama, tal e como se recolle no documento asinado esta mañá e que terá unha vixencia inicial de cinco anos, aínda que prorrogables.

Desde ese momento, a mancomunidade poderá utilizar as diferentes instalacións da empresa pública para entregar e tratar os seus refugallos, como, por exemplo, as plantas de transferencia que dan servizo a Sogama (as de Santiago, Boiro ou Cee son as máis próximas). En todo caso, Serra do Barbanza terá que adaptar antes o seu sistema de contenerización e recollida á normativa europea para poder depositar de forma separada diferentes fraccións de lixo.

Pola súa parte, Sogama comprométese a colaborar nas campañas de información, formación e concienciación que o Barbanza deberá levar a cabo para instruír á veciñanza na correcta separación de residuos en orixe e o seu posterior depósito no contedor correspondente a fin de garantir o seu posterior reciclado.

Cómpre lembrar que o modelo do Barbanza no que se apoiaba a mancomunidade e os concellos aos que esta presta servizo naceu como alternativa ao impulsado pola Xunta no complexo medioambiental de Cerceda, ao que agora acaba de adscribirse logo de que o vertedoiro de Sobrado dos Monxes onde estaba remitindo os seus rexeitamentos tras a colmatación do vaso de vertido da planta de Lousame, esgotase a súa vida útil e teña que ser selado e clausurado.

Neste sentido e tras atribuír a adhesión a “meses de traballo arduo” entre a Mancomunidade Serra do Barbanza e Sogama, Ángeles Vázquez destacou a transcendencia do acordo finalmente acadado xa que o seu fin último é “dar o mellor servizo á cidadanía” que reside nesta zona e axudar a resolver unha situación que “arrastraba desde facía anos” a entidade supramunicipal.

Por iso, a conselleira destacou o esforzo continuado realizado pola Xunta por impulsar melloras continuas na planta de Cerceda así como para renovar e ampliar as diferentes instalacións nas que se apoia para ofrecer o seu servizo. En concreto, referiuse ás obras de ampliación efectuadas no complexo medioambiental en 2019, cun investimento de 31 millóns de euros e que permitiron ampliar a súa capacidade de tratamento nun 81%, pasando de 550.000 a 1 millón de toneladas anuais de lixo.

Este esforzo, tal e como puxo en valor a conselleira, converteu a Sogama a día de hoxe nunha das plantas máis sostibles e eficientes de toda España e das que menos lixo envían a vertedoiro, en liña coas directivas europeas, ademais de garantir unha capacidade suficiente como para dar servizo a toda Galicia.

De feito, lembrou que actualmente nas instalacións de Cerceda se xestionan 800.000 toneladas de residuos anuais, dando servizo a 295 concellos que suman 2,24 millóns de habitantes (o 83% da poboación galega) e salientou que, en caso de adherirse os nove concellos do modelo Barbanza, pasaría a recoller 32.000 toneladas adicionais e daría servizo ao 97% das entidades locais de toda Galicia e a máis de 2,3 millóns de persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/12/2025