A Xunta licita por 1,5 M€ a subministración de equipamento electromédico con destino a unidades de reprodución humana asistida do Servizo Galego de Saúde

Este contrato enmárcase na continuidade do proceso de dotación de equipamento previsto no Plan Galego de Reprodución Humana Asistida 2024-2028

As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o 22 de xaneiro para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

A Xunta publica, no Portal de Contratos Públicos, por medio da Consellería de Sanidade e por un importe de 1.507.055 euros, a licitación da subministración de equipamento electromédico con destino a Unidades de Reprodución Humana Asistida do Servizo Galego de Saúde.

Esta contratación enmárcase na continuidade do proceso de dotación de equipamento previsto no Plan Galego de Reprodución Humana Asistida 2024-2028 da Xunta.

As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o 22 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

Os tratamentos de reprodución humana asistida (RHA) realízanse con fins terapéuticos ou preventivos e en determinadas situacións especiais. A finalidade destes tratamentos é axudar a conseguir o embarazo naquelas persoas que non poden conseguilo de forma natural, non son susceptibles a tratamentos exclusivamente farmacolóxicos, ou tras o seu fracaso.

Estes procedementos tamén poden utilizarse para evitar enfermidades ou trastornos xenéticos graves na descendencia e cando se necesita un embrión con características inmunolóxicas idénticas ás dun irmán afectado por un proceso patolóxico grave, que non sexa susceptible doutro recurso terapéutico.

No Servizo Galego de Saúde hai tres unidades especializadas de Reprodución Humana Asistida, na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, que realizan todas as técnicas e son referencia para o resto dos hospitais.

O subministro do equipamento inclúe a súa distribución, instalación e posta en marcha e está constituído por: incubadores trigás, centrífugas refrixeradas, cabina dobre de seguridade biolóxica, cabinas de fluxo Laminar para FIV, ecógrafos, incubadores time-lapse e microscopios invertidos para micromanipulación.

Data de actualización: 30/12/2025