A Xunta executou o 100% do seu Plan anual da cooperación galega para o 2025
O plan contou cunha dotación inicial de case 10M€ no marco do ‘V Plan director da cooperación galega 2023-2026’
A acción humanitaria, a cooperación exterior, a educación para o desenvolvemento e a investigación centraron as diversas liñas de actuación
Rematada a execución do Plan 2025 a Xunta xa ten elaborado o proxecto do Plan Anual da Cooperación Galega para o 2026, que conta cunha dotación de 10,3M€, un 5% máis que este exercicio
Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2026
A Xunta executou o 100% do seu Plan anual da cooperación galega previsto para 2025. A través deste instrumento dotado inicialmente con máis de 9,8 millóns de euros, un 10,35% máis que o ano anterior, o Goberno galego estableceu a programación operativa da cooperación galega en función das prioridades xeográficas e sectoriais e dos resultados previstos no V Plan director da cooperación galega 2023-2026. O orzamento destinado ao final do exercicio ao Plan 2025 da Cooperación Galega elevouse a 10,2 millóns de euros.
Entre as accións desenvolvidas figuran a publicación das convocatorias de axudas que son xa sinais de identidade da cooperación galega, principalmente destinadas a Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento ao amparo das que se financiaron un total de 75 proxectos. Trátase das subvencións bianuais para 2025/26 destinadas a proxectos de cooperación no exterior de ONGD e outros axentes de cooperación, cunha dotación de 6 millóns de euros, e para proxectos de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, con 720.000 euros.
Tamén este ano se activou unha nova liña de axudas a tres anos para programas de cooperación das ONGD cun orzamento de 1,8 millóns de euros, ademais das xa tradicionais convocatorias de axudas anuais para proxectos de acción humanitaria, dotada con 550.000 euros, e para microproxectos de cooperación no exterior, dotada con 150.000 euros. As convocatorias de axudas do 2025 completáronse coa destinada a proxectos de investigación para o desenvolvemento, dotada con 200.000 euros.
Publicouse ademais unha nova oferta de seis bolsas de formación de persoas expertas en cooperación para o desenvolvemento, de carácter bianual e ás que se destinaron 104.600 euros.
No marco do plan anual asináronse convenios de colaboración no ámbito da acción humanitaria con Farmamundi, UNRWA España, Acnur, Unicef, Cruz Vermella e a Sogaps, así como coa Coordinadora galega de ONGD, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e as ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Agareso e Asemblea de Cooperación pola Paz no ámbito da educación para o desenvolvemento, a sensibilización, a formación e o fortalecemento institucional. O importe destes acordos elévase a 580.000 euros, que se completan cos 150.000 euros que se destinaron aos convenios coa Fundación Cetmar e a asociación dominicana MUDE. A maiores, Galicia aportou 100.000 euros para a actuación conxunta coa Cooperación descentralizada, a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e a Federación Española de Municipios e Provincias.
Por outra banda, froito da colaboración entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a de Política Social e Igualdade, formalizáronse tres novos convenios con Unicef, Acnur e Unrwa España para proxectos de loita contra a violencia de xénero, e outro con varias ONGD para a execución da segunda edición do proxecto Galicia Abriga: Programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras dos dereitos humanos.
Proxecto de Plan anual 2026 da Cooperacion Galega
Unha vez executado o Plan anual 2025 da Cooperación Galega, a Xunta xa ten elaborado o proxecto do Plan 2026 que será sometido ao ditame do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento que se reunirá en xaneiro. Dito plan parte dun orzamento inicial de 10,3M€, o que supón un incremento dun 5 % respecto ao do ano 2025.
O orzamento para o próximo ano permitirá que no Plan anual 2026 da Cooperación Galega se recollan actuacións en todas as áreas (cooperación para o desenvolvemento no exterior, acción humanitaria, educación para o desenvolvemento, investigación...) e que se poidan publicar, ademais das convocatorias tradicionais da Cooperación Galega, unha convocatoria de programa de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global dirixida ás ONGD, dando cumprimento a un dos compromisos recollidos no V Plan Director no seu último ano de vixencia.