A Xunta dá luz verde ambiental a un proxecto para a ampliación dunha planta de fabricación de emulsións asfálticas no parque empresarial de Ordes
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
O Executivo galego lembra que este é un paso máis na tramitación do expediente e que o IIA non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes exixibles para a execución e desenvolvemento da iniciativa
Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental a un proxecto para a ampliación dunha planta de fabricación de emulsións asfálticas, no parque empresarial de Ordes.
Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, cuxa resolución se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados un total de dez organismos interesados.
Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, das augas e leitos fluviais, do solo e as infraestruturas, da xestión de residuos, así como da integración paisaxística e do patrimonio natural.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e procederase a darlle publicidade tamén a través do DOG e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O proxecto, promovido por Quimiasfalt, SLL, prevé executar unha edificación e ampliar a actividade de fabricación de emulsións asfálticas. En concreto, incorporaranse ás instalacións actuais dúas parcelas situadas ao sur e que ocupan unha superficie de máis de 3.460 m2.
Esta actuación permitirá habilitar un espazo de almacenamento de emulsións de maior capacidade formada por catro depósitos con capacidade total de 156 m3 -dous de 30 m3 e outros dous de 48 m3- e trasladar a zona de almacenamento de disolvente ás novas parcelas.