A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e a alcaldesa asinaron unha addenda ao convenio de colaboración entre ambas administracións
A Xunta amplía ata os 4,1 M€ o orzamento para a obra de mellora da rede de saneamento no río Lameira, en Marín
Entre as intervencións previstas, que se prevé que estean operativas antes do próximo verán, destacan a renovación dun dos colectores chave para o sistema, a construción dun novo depósito de retención que regulará e rebaixará os caudais de augas pluviais que chegan á EDAR e a mellora da estación de bombeo
Ángeles Vázquez salienta que con estas obras se optimizará o saneamento municipal, que se caracteriza por ter unha rede moi extensa que engloba tanto a área urbana como gran parte das zonas rurais e concentra os seus problemas na zona portuaria
Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2026
A Xunta ampliará ata os 4,1 millóns de euros o investimento destinado á mellora da rede de saneamento da contorna do río Lameira, ao seu paso por Marín. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a rexedora, María Ramallo, asinaron unha addenda ao convenio subscrito entre Augas de Galicia e o Concello para elevar en 500.000 euros o orzamento desta actuación, que beneficiará a unha poboación potencial de case 10.000 persoas.
Entre as intervencións previstas no marco do referido acordo —cuxo financiamento asume integramente a Xunta con fondos propios e europeos a través do Feder— destacan a renovación do colector xeral do Lameira, que é unha das pezas clave para o funcionamento de toda a rede municipal xa que capta os caudais dunha parte significativa do núcleo urbano e desemboca finalmente no bombeo do río.
A conselleira explicou que esta é unha das tres actuacións principais incluídas no proxecto que está a executar Augas de Galicia, co fin de mellorar o colector actual, de 1.600 metros desde a súa orixe na PO-313 ata a ponte Zapal, e retiralo do leito do río.
Así mesmo, as obras actualmente en marcha tamén inclúen a construción dun novo depósito de retención que actuará como elemento regulador dos caudais de pluviais que chegan ata a EDAR municipal así como a mellora da estación de bombeo do Lameira.
O obxectivo tanto da renovación do actual colector como do resto de intervencións programadas noutros puntos da rede de saneamento municipal é rebaixar as escorrentías que chegan ata o río, especialmente en épocas de choiva. Grazas á sinatura desta addenda para modificar o convenio orixinal ante a complexidade técnica e a envergadura do proxecto, a obra poderá estar rematada no primeiro trimestre de 2026 co obxectivo de que as novas instalacións estean operativas antes do próximo verán.
Neste sentido e tras agradecer á alcaldesa a colaboración municipal recibida, Ángeles Vázquez salientou que con estas obras se optimizará o sistema de saneamento de Marín, que se caracteriza por ter unha rede moi extensa na que se engloba tanto a área urbana como gran parte das zonas rurais do municipio e que concentra os seus problemas na área portuaria.
As obras beneficiarán especialmente ás poboacións das parroquias de San Xián de Marín e Santa María do Porto, cun total de 9.107 veciños e veciñas atendidos e co obxectivo de chegar a futuro a preto de 10.000 persoas no horizonte do ano 2042.
En todo caso, cómpre sinalar que no deseño das actuacións que se están a acometer no río Lameira se tivo en conta tamén o criterio de humanización da zona para que o conxunto da veciñanza de Marín poida gozar deste espazo fluvial e pasear pola súa contorna unha vez estean rematados os traballos.