A Xunta licita por máis de 300.000 euros as obras da humanización e mellora do núcleo de Pazo, no concello de Crecente
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación, establecendo un prazo de presentación de ofertas que rematará o 26 de xaneiro
As obras de humanización teñen como obxectivo mellorar o pavimento do viario municipal neste núcleo da parroquia de Santa María de Rebordechán e incluirán a mellora da capa de rodadura e ensanches nalgunhas zonas
Tamén se executará unha senda peonil e abordarase a sinalización vertical e horizontal, a mellora da recollida de augas pluviais da superficie do viario e o soterramento das redes de telecomunicacións, electricidade e iluminación
Estas obras enmárcanse nun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que asumirá o 75% do orzamento; e o Concello, que achegará o 25% restante
Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2026
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou por 302.204 euros as obras da humanización e mellora do núcleo rural de Pazo, na parroquia de Santa María de Rebordechán, no concello de Crecente.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación, establecendo un prazo de presentación de ofertas que finaliza o vindeiro día 26 de xaneiro.
A través deste contrato, ao abeiro do chamado Plan Hurbe impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, prevese mellorar o pavimento do viario municipal que dá acceso ao núcleo rural de Pazo cara ao sur, dando servizo a vivendas e parcelas agrícolas. Este viario é utilizado de forma cotiá pola veciñanza da zona, xa que se trata do acceso máis rápido para chegar á Cañiza e conectar coa estrada N-120 ou ben a autovía A-52.
Así, coa licitación das obras trátase de actuar nos puntos nos que o citado viario está en peor estado de conservación, sendo precisa unha actuación integral en determinadas zonas. O tramo obxecto do proxecto ten unha lonxitude de 458 metros e unha superficie afectada superior a 2.400 m².
As intervencións obxecto deste contrato consistirán principalmente na mellora da capa de rodadura e aproveitarase para realizar ensanches nalgunhas zonas para mellorar a mobilidade peonil, así como a seguridade de vehículos e peóns usuarios da vía. Ademais, executarase unha senda peonil, abordarase a sinalización vertical e horizontal, a mellora da recollida de augas pluviais da superficie do viario e o soterramento das redes de telecomunicacións, electricidade e iluminación.
Estas actuacións enmárcanse nun convenio de colaboración asinado o pasado venres día 26 de decembro entre a Xunta e o Concello de Crecente, e suporán un investimento total de 345.000 euros. A través deste acordo a Xunta asume o custe nun 75% das intervencións e o Concello achegará o 25% restante.
Con estes traballos o departamento que dirixe María M. Allegue dá resposta a unha solicitude da veciñanza que reside nesta contorna para unha actuación de mellora no núcleo.