A Xunta pon en valor os Escaparates Máxicos de Lalín á hora de dinamizar o tecido comercial da vila
Lalín (Pontevedra), 4 de xaneiro de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, realizou hoxe un percorrido polos Escaparates Máxicos da localidade, un proxecto impulsado polo Concello no marco das súas Aldeas de Nadal que conta co apoio da Xunta. En concreto, puxéronse en valor catro escaparates baleiros, nos que se recrean escenografías e estampas propias do Nadal, así como a fachada máxica dun establecemento hostaleiro da Praza de Abastos.
Na visita, na que tamén estiveron, a concelleira de Aldeas de Nadal, Karen Fernández, e a secretaria técnica da Asociación de Empresarios de Deza (AED), Chus García, Alén destacou o concurso de escaparates impulsado entre os comercios da vila e outro específico, posto en marcha por primeira vez, para os establecementos hostaleiros. Tamén o curso gratuíto de escaparatismo e decoración con base artística destinado tanto a comerciantes como a hostaleiros. Todas estas accións, segundo salientou, amosan a importancia de xerar sinerxías nas programacións do Nadal e de implicar o comercio como sector socioeconómico fundamental.