A Xunta licita por 1,6 M€ o servizo de limpeza do Hospital Público de Cee
As empresas interesadas neste contrato dispoñen ata o 16 de febreiro para presentar as súas ofertas
O total da superficie a limpar é de 8.795 metros cadrados
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2026
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, publica no Portal de Contratos Públicos a licitación do servizo de limpeza do Hospital Público de Cee, por un importe de 1.603.343 euros e un período de vixencia de 24 meses.
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 16 de febreiro para presentar as súas ofertas.
O obxecto do contrato abrangue tanto os exteriores como os interiores do hospital, así como todas as súas dependencias, sendo o total da superficie a limpar de 8.795 metros cadrados , dos que 3.591 son de risco baixo, 4.266 de risco intermedio e 938 de risco alto.
A correcta hixiene e desinfección e un ambiente limpo é unha medida para a prevención e redución das infeccións relacionadas á asistencia en saúde.
Así, a Guía de procedementos de limpeza no medio hospitalario da Consellería de Sanidade, desenvolvida pola normativa propia Procedemento xeral de limpeza, da área sanitaria da Coruña e Cee, sinala a metodoloxía de actuación e sistemática de limpeza na prestación do servizo tendo en conta cada tipo de risco.
O proceso asistencial desenvolvido no Hospital de Cee require duns niveis de calidade, especialización, supervisión, coordinación e xestión do proceso de limpeza, acorde coa importancia do propio proceso de saúde.