A Xunta acondiciona a parcela na que instalará o módulo provisional do comedor do colexio Fingoi II
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a aula móbil trasladarase a vindeira semana
Lugo, 7 de xaneiro de 2026
A Xunta de Galicia está a acondicionar a parcela para instalar o módulo que acollerá o servizo de comedor do colexio Fingoi II, en Lugo. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, informou de que esta semana se realizarán os traballos de execución da soleira e das conexións aos subministros de electricidade, saneamento e abastecemento.
Arias avanzou que a intención é estender estes días o pavimento de formigón, sempre que as condicións climatolóxicas o permitan, e trasladar a aula móbil antes de que remate a vindeira semana.
O propio módulo xa foi acondicionado nas semanas previas no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) das Mercedes, por alumnado e profesorado dos ciclos superiores de Eficiencia Enerxética e Marketing. Puxeron a punto a climatización, proxectaron a distribución interior e deseñaron elementos de decoración para o exterior.
O delegado sinalou que a prestación do servizo de comedor é unha competencia municipal, pero a Xunta quixo dar resposta á demanda das familias ofrecendo esta solución provisional “rápida e viable”, que implica un acordo co Concello de Lugo. Este cedeu a superficie e o Goberno galego instala e asume o custe de mantemento do módulo durante un prazo de dous anos prorrogables por un máis.