O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP interveu nun encontro onde se analizou o impacto da LOMLOE nas aulas logo de cinco anos da súa entrada en vigor

Román Rodríguez anuncia un novo programa de reforzo extraescolar para facilitar a transición de etapa de primaria a secundaria

Explica que esta acción, dirixida ao alumnado de 6º de Primaria, ten como obxectivo consolidar a aprendizaxe e apoiar a quen máis o necesita para seguir afondando na mellora educativa

Reivindica a aposta da Xunta pola “mellora continua” situando o alumnado no centro das súas políticas e reforzando as aprendizaxes básicas

Denuncia os efectos negativos da lei orgánica estatal sobre a calidade do ensino, a cultura do esforzo e a igualdade de oportunidades, ante os que Galicia “nada a contracorrente”

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou a posta en marcha dun novo programa de reforzo extraescolar co fin de seguir afianzando a senda de mellora educativa en Galicia. Así o sinalou esta mañá durante a súa intervención no encontro O ensino galego ante o impacto da LOMLOE (2021-2026), que reuniu en Santiago a responsables políticos, docentes e especialistas para avaliar os resultados desta normativa estatal tras cinco anos da súa entrada en vigor. 

Segundo avanzou, esta nova acción, que se desenvolverá neste novo curso 2026/27, estará dirixida ao alumnado de 6º curso de Educación Primaria que máis apoio precise, co obxectivo de consolidar as aprendizaxes esenciais e, sobre todo, facilitar a súa transición á Educación Secundaria (ESO).

O novo programa forma parte do compromiso da Xunta coa mellora educativa continua como unha prioridade de Goberno e súmase ao conxunto de iniciativas que Galicia está a desenvolver para reforzar as aprendizaxes básicas e acompañar o alumnado ao longo da súa traxectoria educativa. Neste sentido, a nova medida complementa o paquete de actuacións en marcha ao abeiro do Plan MEGA de Mellora Educativa, dotado con 77 millóns de euros para catro anos e que xa contempla medidas específicas de reforzo da lectura e das matemáticas e de apoio ao alumnado estranxeiro, entre outras.

“O noso compromiso sempre vai estar cun ensino que recoñeza o esforzo, que garanta coñecementos, que apoie a quen máis o necesita e que respecte e reforce ao profesorado”, salientou Román Rodríguez, quen reiterou que a finalidade de toda política educativa debe estar enfocada a conseguir que os alumnos “aprendan máis e mellor” . Por iso, mentres a Xunta pon ao alumno “no centro de todas as decisións”, o titular de Educación denunciou que os efectos negativos que a lei orgánica estatal, a LOMLOE, está xerando para a calidade no ensino, a cultura do esforzo e a igualdade de oportunidades.

Efectos negativos da LOMLOE

Román Rodríguez lembrou a advertencia da Xunta no seu momento dunha implantación “precipitada e confusa” da norma, coa chegada tardía dos currículos, o cambio das regras de xogo durante a aplicación da lei, un incremento da carga burocrática para o profesorado e sen dotación económica de ningún tipo.

Así pois, sinalou que a lei presenta importantes debilidades tanto na súa concepción como na súa aplicación, con repercusións negativas no sistema como a perda de centralidade dos coñecementos “e da cultura do esforzo”. A maiores, tamén denunciou que, ata agora, non se abordou a mellora da carreira profesional docente, que ademais se está facendo “fallando na forma e no fondo”.

Galicia crea escola para mellorar

Román Rodríguez reivindicou o traballo desenvolvido por Galicia nos últimos cinco anos para paliar as debilidades da normativa estatal e defendeu unha política educativa baseada en escoitar ao conxunto da comunidade educativa, avaliar e mellorar con medidas específicas para “abrir camiño e crear escola”.

Un dos puntos máis salientables foi o reforzo da integración e da atención ao alumnado con necesidades educativas especiais, coa incorporación de medidas como a ponderación deste alumnado a efectos de ratios nas aulas desde o curso 2024-25, unha acción pioneira a nivel estatal plasmada no Acordo de mellora educativa. Grazas a este acordo cos sindicatos, tamén se están reducindo as ratios nas diferentes etapas, unha medida que agora pretende imitar o Goberno central, e se reconfigurou o horario docente.

Outro dos ámbitos onde a Consellería de Educación está a traballar para anticiparse aos retos de futuro no ensino é o tecnolóxico a través da Lei de educación dixital de Galicia, unha normativa pioneira e inédita ata o de agora a nivel estatal na que se busca  afrontar con seguridade os retos da transformación dixital social e tecnolóxica no ensino desde unha abordaxe integral na que se fai fincapé en aspectos como o benestar dixital, a privacidade e a protección de datos, o dereito á identidade dixital e á intimidade e a accesibilidade universal.

Por outra parte, reiterou o compromiso de seguir reforzando a función do  profesorado e a súa autoridade e apoiando os equipos directivos. Para iso, estase ultimando a posta en marcha da Oficina de Atención ao docente, un servizo integral de protección, asesoramento e acompañamento no seu labor profesional. 

A xornada de balance sobre o impacto da LOMLOE no ensino galego contou coa intervención do Director da Cátedra de Políticas Educativas da Universidade Camilo José Cela,  Francisco López Rupérez, que impartiu unha conferencia ao respecto.

Así mesmo, tivo lugar unha mesa redonda onde participaron a inspectora educativa María Concepción Aramburu; o director do Colexio Plurilingüe Bragade de Oza-Cesuras, Israel Arranz; e o profesor de Xeografía de Ensino Secundario e ex director do Instituto O Castro de Vigo, Victor Costas Suárez; que afondaron na aplicación da lei estatal desde a perspectiva dos centros educativos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2026