A Xunta investirá 1,1 M€ na rehabilitación integral do Colexio O Areal de Camariñas

O conselleiro de Educación visita o centro para presentar a obra, que xa está licitada

Renovarase a envolvente do edificio para acadar un mellor illamento térmico e mellorarase a accesibilidade do colexio, entre outras actuacións

Renovaranse 1.726 m² de cuberta, illaranse nos 1.864 m² de fachadas, mudaranse 156 fiestras e portas e instalaranse 337 novas luminarias

Camariñas (A Coruña), 8 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio O Areal, en Camariñas, para presentar o proxecto de rehabilitación integral do centro, no que a Xunta investirá máis de 1,1 M€. A obra licitouse o pasado venres, no marco do paquete das primeiras 16 obras que vai executar a Xunta en centros educativos este ano, por máis de 16 M€, e conta cun prazo de execución de nove meses desde o inicio dos traballos.

O titular do departamento educativo da Xunta explicou que a intervención ten como obxectivo renovar por completo a envolvente do centro. “Deste xeito, mellorarase tanto o confort térmico da comunidade educativa no seu día a día como a eficiencia enerxética das instalacións, que é un dos obxectivos prioritarios do Plan de nova arquitectura pedagóxica, no que se enmarca a obra”, sinalou.

Para isto, o programa de actuación inclúe o cambio da cuberta por unha nova de panel tipo sandwich con illamento térmico, dun  total de 1.726 m², así como a instalación de sistema SATE nos 1.864 m² de fachadas. Así mesmo, mudaranse as 87 fiestras  exteriores e 69 portas que aínda non foran aínda renovadas. Tamén se incorporarán novas luminarias no recinto exterior do colexio, que non existen na actualidade, e acometerase o acondicionamento acústico interior do patio cuberto a base de chapas microperforadas de aceiro galvanizado lacado e panel interior de la de vidro.

No interior do edificio instalaranse nova iluminación (337 luminarias en total) e falsos teitos e realizaranse tarefas de pintado, ademais de realizarse outras melloras complementarias.  

A intervención inclúe tamén a mellora da accesibilidade do centro, coa construción e adecuación de ramplas desde os patios ata o colexio e a redistribución do núcleo de aseos da planta baixa para crear dous aseos adaptados.

Máis de 7,5 M€ na Costa da Morte

Román Rodríguez lembrou que, ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, se realizaron outras melloras neste centro, como a instalación dun ascensor en 2022. Así, a obra no CEIP O Areal eleva a máis de 7,5 M€ o investimento da Xunta en melloras dos centros da Costa da Morte no marco deste plan, con actuacións como a rehabilitación integral e reforma do salón de actos do Instituto Alfredo Brañas (Carballo, 2 M€), a ampliación do CEIP Mar de Fóra (Fisterra, 913.000 €) ou as melloras sectoriais acometidas no Centro Público Integrado As Revoltas (Cabana de Bergantiños, 660.000€), no CEIP Plurilingüe Eugenio López (Cee, 518.000€) e no CPI Plurilingüe Cabo da Area (Laxe, 420.000€), entre outras.

 Ademais da de Camariñas, as primeiras 16 obras en centros de ensino deste ano inclúen tamén a renovación da cuberta do CEIP O Cruce de Cerceda, cun investimento de máis de 500.000€, que se licitou este luns e que tamén se realizará ao longo de 2026.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/01/2026