Dozón mellora a eficiencia enerxética do edificio destinado a alugueiro social grazas a unha achega da Xunta de 120.000 euros
O delegado territorial destacou a importancia de levar a cabo obras que diminúan os gastos correntes dos concellos, así como o seu impacto ambiental
A subvención permitiu mellorar a calefacción e o illamento do edificio, ademais de instalar novos puntos led
Dozón (Pontevedra), 8 de xaneiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Dozón con motivo das obras de mellora da eficiencia enerxética do edificio municipal destinado a alugueiro social.
Así, o concello contou cunha achega da Xunta de 120.000 euros, o que supón o 80% do investimento total, que permitiu realizar varias actuacións clave. Por un lado, renováronse as luminarias, substituíndo as antigas por novos puntos de luz led de baixo consumo. Ademais, mellorouse a climatización e o illamento do edificio mediante a renovación de portas e ventás. Por último, instalouse unha caldeira de pellets que permitirá un importante aforro enerxético.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de “apostar por edificios máis eficientes que, ademais de diminuír os gastos correntes dos concellos, os fagan máis sostibles”.
Cabe destacar que o financiamento desta obra encádrase na Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027, que ten como obxectivo contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático. Na área territorial de Pontevedra beneficiáronse desta liña de axudas oito concellos por valor de máis de 856.000 euros.