A Xunta impulsa o voluntariado interxeracional con axudas a 23 entidades
O Diario Oficial de Galicia publica a resolución da concesión destas subvencións que se reparten en oito concellos e 15 agrupacións de acción voluntaria
A convocatoria busca poñer en contacto a persoas maiores de 55 anos con mozos e mozas de 16 a 35 anos para desenvolver iniciativas conxuntas vencelladas ao rural
As propostas divídense en cinco liñas de acción que teñen que ver cos coidados, a agrogandería, a protección do medioambiente e a cohesión tecnolóxica e dixital
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2026
A Xunta de Galicia impulsará a posta en marcha de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural coa concesión de axudas a 23 entidades para o desenvolvemento das súas iniciativas. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución desta convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que destina 484.000€ ás accións de oito concellos e 15 entidades de acción voluntaria.
Este programa de subvencións, enmarcado no proxecto piloto Talento Interxeracional financiado pola Unión Europea, pretende dinamizar as áreas rurais aproveitando a experiencia das persoas voluntarias de máis de 55 anos para amosar á xuventude, de entre 16 e 35 anos, as posibilidades e opcións de desenvolvemento profesional que pode aportar tanto a nivel individual como social. Deste xeito, o obxectivo é que estes dous colectivos traballen conxuntamente en iniciativas de investigación, innovación e mellora do medio rural.
Neste senso, as axudas van destinadas a actividades que tiren proveito das experiencias das persoas maiores que poidan servir como catalizador para as iniciativas da mocidade, abranguendo proxectos coordinados por parte de entidades locais ou agrupacións delas que teñan a consideración de entidades locais de carácter rural e de entidades de acción voluntaria de carácter asociativo.
Cinco categorías de proxectos
Os proxectos a desenvolver nos vindeiros meses están incluídos dentro das cinco liñas recollidas na convocatoria. A primeira inclúe propostas orientadas á identificación de situacións e necesidades de coidados, baseadas en casos reais detectados na zona e enfocados ao acompañamento ou apoio no fogar de persoas autónomas pero que precisen coidados ou apoios puntuais.
A segunda área abarca as iniciativas enfocadas na promoción de cultivos ecolóxicos e sustentables e no fomento do relevo xeracional nas explotacións agrogandeiras. As seguintes liñas teñen que ver por unha banda coa protección do medio ambiente, co fin de contribuír á recuperación da biodiversidade e os ecosistemas, así como á promoción turística e cultural, e por outro lado coa cohesión tecnolóxica e dixital.