A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou unha actuación de recuperación dunha palleira no concello de Monfero
A Xunta destina este ano preto de 2 M€ en axudas para intervencións de mellora e conservación nos espazos protexidos galegos
O Executivo autonómico publicará nas vindeiras semanas no Diario Oficial de Galicia a orde coa convocatoria de achegas para actuacións en reservas de biosfera, parques naturais e espazos incluídos na Rede Natura 2000 da comunidade
Ángeles Vázquez lembra que os proxectos subvencionables van desde a conservación e mellora da biodiversidade ata a renovación de infraestruturas de uso público e recreativo ou a recuperación de elementos históricos, patrimoniais e culturais
O Goberno galego concedeu entre 2024 e 2025 arredor de 3,7 M€ en axudas a distintos proxectos para a preservación e coidado destes espazos naturais
Monfero (A Coruña), 9 de xaneiro de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe que a Xunta destina este ano un orzamento de 1.870.000 euros a axudas para distintas actuacións de mellora, protección e conservación de espazos protexidos galegos pertencentes á Rede Natura 2000, a reservas de biosfera da comunidade ou a algún dos seus seis parques naturais.
Durante a súa visita a unha palloza no concello de Monfero -no ámbito do Parque Natural Fragas do Eume- que foi recuperada ao abeiro destas achegas do Executivo galego, a responsable autonómica explicou que a orde coa convocatoria destes apoios sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nas vindeiras semanas. Nesta ocasión intégranse nunha única orde as tres existentes en anos anteriores -para espazos en Rede Natura 2000, en parques naturais ou reservas de biosfera- co fin de simplificar o procedemento e facilitar as xestións dos administrados.
Non obstante, Ángeles Vázquez detallou que a orde se divide en dúas liñas de axudas, unha para actuacións en reservas de biosfera e outra para terreos en parques naturais ou Rede Natura 2000. No caso da primeira, os potenciais beneficiarios son as administracións públicas ou entidades asociativas que sexan órganos de xestión das reservas de biosfera de Galicia e que desenvolvan actuacións en zonas rurais situadas en calquera das reservas dentro do ámbito territorial da comunidade.
En canto ás achegas para espazos de Rede Natura 2000 ou parques naturais de Galicia, están dirixidas a concellos e entidades locais menores incluídas total ou parcialmente nalgúns dos parques naturais da comunidade ou na Rede Natura 2000, a asociacións ambientais sen ánimo de lucro, a persoas físicas ou a empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios galegos nos que se sitúe un parque natural constituídas con anterioridade á publicación das axudas. As actuacións subvencionables son aquelas que se desenvolvan nestes espazos protexidos ou en zonas limítrofes fóra deles, pero localizados en parroquias incluídas parcialmente neles.
A conselleira explicou que o fin último destes apoios é preservar a biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats, paisaxes e elementos patrimoniais tradicionais existentes na contorna.
Accións que se apoian
De feito, as achegas permiten subvencionar actuacións para a conservación, restauración e mellora da biodiversidade, especialmente no caso de hábitats, especies e espazos protexidos, así como doutras que teñan un impacto favorable na mitigación e/ou adaptación ao cambio climático. Entre elas estarían as accións de control e eliminación de especies exóticas invasoras, a redución e mitigación dos impactos sobre a fauna derivados das actividades humanas, a protección do solo, a realización de inventarios e estudos ou campañas de concienciación ambiental.
Tamén son subvencionables actuacións de conservación e recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos ou precisos para o mantemento da paisaxe agraria, cultural ou etnográfica tradicional. Entre eses elementos inclúense pallozas como a que visitou Ángeles Vázquez, hórreos, muros de pedra, colmeas, fontes, muíños, alvarizas, terrazas de pedra ou bancais.
A orde de axudas tamén permite apoiar proxectos de creación e mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos incluíndo investimentos para uso público como a creación, restauración ou adecuación de rutas, sendas e camiños rurais ou de acceso a fincas, relacionadas coa posta en valor do uso público do espazo protexido. Ademais subvenciónanse proxectos de sinalización orientativa, informativa ou interpretativa do espazo protexido; a creación, restauración ou adecuación de miradoiros e áreas recreativas ou centros de interpretación, así como a creación ou mellora de aparcadoiros disuasorios.
A conselleira lembrou que só nos últimos dous anos a Xunta concedeu arredor de 3,7 millóns de euros a este tipo de intervencións sobre elementos de espazos protexidos de Rede Natura 2000, reservas de biosfera ou parques naturais.
Palloza restaurada
Ángeles Vázquez puxo en valor proxectos como o desenvolvido para a recuperación desta palloza no lugar da Ribeira, no concello de Monfero, para o que a súa propietaria recibiu unha axuda de preto de 12.000 euros. As actuacións, que se desenvolveron entre os anos 2024 e 2025, consistiron na reconstrución do muro dunha das fachadas e a colocación dunha cuberta, dunha porta e dunha fiestra.
Na última convocatoria de achegas concedéronse no Parque Natural Fragas do Eume un total de 20 axudas, a maioría para a mellora de pequenas infraestruturas como aparcadoiros, hórreos ou palleiras, entre outras, das que unha quincena estaban localizadas no concello de Monfero.