A conselleira participou nun operativo a bordo da patrulleira Mar de Galicia
Villaverde remarca que Galicia é a única comunidade de España cun servizo de gardacostas
No 2025, dentro da loita contra o furtivismo, esta unidade, dependente de Mar, levou a cabo 9.726 inspeccións, levantou 2.568 actas de infraccións, e realizou 36.785 incautacións
Nos seus 35 anos de historia salvou a vida de máis de 1.800 persoas
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 10 de xaneiro do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este sábado a bordo da patrulleira Mar de Galicia dos traballos de inspección que realiza Gardacostas de Galicia, e que se enmarcan no obxectivo de loita contra o furtivismo e a protección da actividade marítimo-pesqueira, situando a Galicia na única comunidade española que conta cun servizo destas características.
Precisamente, no marco do obxectivo de frear a pesca ilegal, evitar o fraude e garantir a salubridade dos produtos do mar -centrada en que o recurso non saia do seu medio, incautando as artes e medios empregados obtidos de forma irregular-, Gardacostas levou a cabo o pasado ano 9.726 inspeccións, levantou 2.568 actas de infraccións e realizou 36.785 incautacións.
Esta unidade opera as 24 horas e os 365 días do ano, dando resposta inmediata aos incidentes que se producen no litoral. Nos seus 35 anos de historia, cumpridos en agosto do 2025, tamén salvou a vida de máis de 1.800 persoas. Trátase, por tanto, segundo subliñou a conselleira, “dun servizo esencial, de aí que nos Orzamentos do 2026, sen ter en conta os gastos de persoal, a súa partida ascenda a 18,2 millóns de euros”.
Medios humanos e materiais
Compoñen este organismo encargado da vixilancia, busca, salvamento e protección do medio mariño nas augas galegas, 144 efectivos, que se reparten entre os Servizos Centrais, en Santiago de Compostela, e as nove bases operativas: Celeiro, Ferrol, A Coruña, Muxía, Portosín, Ribeira, Vilaxoán, Pontevedra e Vigo. Este equipo compleméntase cos 163 gardapescas que a Xunta subvenciona directamente ás confrarías.
En canto aos medios materiais, nas vindeiras semanas incorporaranse dúas novas patrulleiras e doce vehículos todoterreo pick up, o que permite avanzar no proceso de modernización da frota iniciada no ano 2018, e que xa supuxo a renovación de arredor dunha vintena de unidades que están distribuídas entre as bases que o organismo ten na costa galega e nas instalacións centrais.
Outras actuacións destacadas
Co fin de optimizar as operacións de rescate e salvamento, así como as tarefas de control, Gardacostas reforzou recentemente a colaboración cos Corpos e Forzas de Seguridade (Garda Civil, a Unidade de Policía Nacional adscrita a Galicia e a Policía Local) e gardapescas.