A Xunta pon en valor a XV Festa do Comercio de Ribadeo pola súa traxectoria impulsando o consumo e as vendas de proximidade no municipio

O director xeral de Comercio e Consumo participou hoxe no evento organizado pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa), que pon o broche final á campaña que arrancou o pasado 5 de decembro

Gabriel Alén gabou a iniciativa que conta co apoio da Xunta, recordando que Acisa foi finalista nos Premios do Comercio Galego 2025 —na categoría de Dinamización— pola súa campaña ‘O noso comercio é vida, vive Ribadeo’

Lembrou que no marco do compromiso do Goberno galego co pulo ao tecido comercial e artesanal, o vindeiro venres 16 abre o prazo de solitudes das axudas autonómicas ao sector, dotadas con preto de 4 M€ e publicadas o pasado día 8 no DOG

Ribadeo (Lugo), 10 de xaneiro de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na XV Festa do Comercio organizada pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa) e apoiada pola Xunta. Alí, gabou a iniciativa que vén avalada —dixo— pola traxectoria da entidade, que foi finalista nos Premios do Comercio Galego 2025 pola súa campaña O noso comercio é vida, vive Ribadeo.

En concreto, segundo recordou Alén, Acisa viu recoñecida na categoría de Dinamización a súa campaña desenvolvida no verán coa implicación do 100 % dos comercios asociados para garantir a remuda da xeracional da clientela con implicación da infancia e mocidade en actividades específicas como accións multiaventura, musicais ou colaboracións con clubs deportivos. Agora, engadiu, reedita un ano máis a súa Festa do Comercio, na que se sortea hoxe un premio de 2.000 euros, outro de 1.500, un terceiro de 1.000 e dous de 250 euros entre as persoas que mercaron nos establecementos adheridos desde o pasado 5 de decembro, ademais dunha viaxe a Menorca, en homenaxe ás primeras directivas da asociación que xa sorteaban viaxes cando a entidade comezaba a funcionar.

O director xeral concluíu poñendo de relevo os case 40 anos de Acisa a prol da dinamización comercial de Ribadeo e a importancia de incentivar o consumo e as vendas nos establecementos de proximidade durante todo o ano, na liña do que persegue o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

Finalmente lembrou que no marco do compromiso da Xunta co pulo ao tecido comercial e artesanal, o vindeiro venres 16 abre o prazo de solitudes das axudas autonómicas ao sector, dotadas con preto de 4 M€ e das que se beneficiaron o pasado ano máis de 700 negocios. Publicadas o pasado día 8 no Diario Oficial de Galicia (DOG), abarcan tres liñas compatibles entre si orientadas á dixitalización e innovación comercial; á modernización, mellora da imaxe e eficiencia; e á sostibilidade ambiental. Entre as novidades da orde destacou a ampliación do período subvencionable, sendo desde o 25 de outubro de 2025, e a simplificación na tramitación administrativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/01/2026