Román Rodríguez presenta o proxecto de cambio de cuberta do Instituto Plurilingüe Rosalía de Castro, no que a Xunta inviste case 700.000 €
Na capital de Galicia tamén se vén de licitar a ampliación do IES Lamas de Abade, cun orzamento de 1,4 M€, elevando a máis de 12 M€ o investimento en obras na cidade
Están en marcha actuacións por máis de 7,7 M€, entre elas a ampliación do IES Eduardo Pondal, a rehabilitación do Arcebispo Xelmírez II e a reforma do MUPEGA
Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou esta mañá o proxecto de cambio de cuberta do Instituto IES Plurilingüe Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela, onde a Xunta vai investir case 700.000€. A intervención xa está licitada e ten un prazo de execución de catro meses unha vez comecen os traballos.
Tal e como explicou o titular do departamento educativo do Goberno galego, a do Rosalía enmárcase no paquete de 16 primeiras obras que a Consellería vai desenvolver neste ano 2026 por máis de 16 M€. “Nos Orzamento de 2026 temos unha partida de 73,6 M€ para obras en centros educativos, un 4% máis do que destinamos para este fin en 2025”, salientou.
Así mesmo, lembrou que nestas primeiras obras do ano tamén está incluída a ampliación do IES Lamas de Abade, na capital de Galicia, cun orzamento de 1,4 M€, licitada a semana pasada.
Estas actuacións elevan a máis de 12 M€ o investimento que está a realizar a Xunta en melloras nos centros educativos composteláns ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Tendo en conta estas dúas obras recentemente licitadas, neste momento están en marcha seis actuacións por máis de 7,7 M€, en concreto, a ampliación do IES Eduardo Pondal (3 M€), a rehabilitación integral do IES Arcebispo Xelmírez II (1,8 M€), a reforma do Museo Pedagóxico de Galicia (500.000 €) e o cambio de cuberta do IES A Pontepedriña (306.000 €).
Respecto ao edificio histórico
Tal e como explicou o conselleiro, o cambio de cuberta do IES Plurilingüe Rosalía de Castro será unha actuación completamente respectuosa co edificio histórico que alberga o instituto. Neste sentido, indicou que a nova cubrición, de 3.288 m², irá aparafusada á estrutura de madeira existente, que se reparará nos puntos onde sexa necesario, e recuberta de tella curva do país.
Ademais da retirada das placas e tella curva que cubre o centro neste momento e a colocación dos novos elementos de cubrición, o programa da obra contempla tamén a instalación de novos canlóns e baixantes en todo o tellado.
A maiores, cambiaranse as catro fiestras tipo velux para acceso á cuberta que se localizan nos faldóns interiores do claustro e executaranse os traballos de limpeza e impermeabilización que sexan previsos, entre outras tarefas asociadas.