Medio Rural destaca os pasteiros como modelo de aproveitamento sustentable do territorio

A conselleira María José Gómez visitou hoxe o pasteiro impulsado nos montes veciñais en man común de Laxamoura, que abrangue unha superficie de 55,67 hectáreas e que no que se investiron preto de 90.000 euros

Destacou así mesmo que se trata dun sistema compatible coa preservación do patrimonio natural que actúa, ademais, como unha barreira natural contra os lumes, ao tempo que favorece a gandaría en extensivo

María José Gómez reafirmou a aposta da Xunta por seguir impulsando estas ferramentas a través do Plan de Pastos de Galicia, que dende o ano 2020 permitiu a mobilización de case 2.500 ha en 106 pasteiros, cun investimento de case 15 M€

Xove (Lugo), 10 de xaneiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou na mañá de hoxe o pasteiro impulsado nos montes veciñais en man común de Laxamoura, no concello lucense de Xove, onde enxalzou a utilidade desta ferramenta como un modelo de aproveitamento sustentable do territorio.

Destacou así mesmo que se trata dun sistema compatible coa preservación do patrimonio natural que actúa, ademais, como unha barreira natural contra os lumes, ao tempo que favorece a gandaría en extensivo. Asemade, incidiu na importancia de contar cunha Política Agraria Común forte e con fondos suficientes que permitan impulsar este tipo de proxectos e traballar así a prol do medio rural. 

O pasteiro, explicou a titular de Medio Rural, abrangue unha superficie de 55,67 hectáreas e nel investíronse case 90.000 euros. A través deste orzamento puideron levarse a cabo os necesarios labores de roza, tanto de xeito mecanizado como manual. Gómez sinalou que nesta zona xa se realizaran con anterioridade outra serie de intervencións, como a renovación do peche ou a reparación das mangas de manexo.

Plan de pastos de Galicia

María José Gómez reafirmou a aposta do Goberno autonómico por seguir impulsando estas ferramentas a través do Plan de Pastos de Galicia, que dende o ano 2020 permitiu a mobilización de case 2.500 hectáreas en 106 pasteiros, cun investimento que rolda os 15 millóns de euros.

Neste sentido, asegurou que a Xunta de Galicia manterá esta liña de traballo da man dos propietarios do monte para levar a cabo estas iniciativas, co fin de garantir un rural máis produtivo, protexido e con futuro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/01/2026