Mar e o Círculo de Empresarios de Galicia afondan no fomento da competitividade da cadea mar-industria
Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2026
A Consellería do Mar e o Círculo de Empresarios de Galicia continuaron afondando no fomento da competitividade da cadea mar-industria, no marco dunha xuntanza que mantivo a conselleira, Marta Villaverde, con representantes deste colectivo empresarial, e que serviu para consolidar a intensa colaboración institucional que manteñen ambas as dúas entidades no senso de impulsar que o mar de Galicia sexa o motor económico do territorio e un referente na xestión sostible dos recursos, entre outros obxectivos.
Na xuntanza, Villaverde, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, tamén confirmou o apoio da Administración autonómica á celebración da décima edición do Galicia Market Place 2026. Este evento, que terá lugar no primeiro semestre do ano na cidade olívica, servirá de escaparate da cadea mar-industria, poñendo en valor a optimización do produto do mar, abrindo mercados e incrementando o prestixio da “marca Galicia Calidade que tanto nos define”, segundo explicou a conselleira.