A Xunta realiza labores de conservación fluvial en máis de 3,3 quilómetros no rego de San Vicente, en Valdoviño

As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante arredor de 17 xornadas e inclúen a retirada de árbores caídas das canles fluviais para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2026

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en máis de 3,3 quilómetros no rego de San Vicente, no concello de Valdoviño.

En concreto, as tarefas, que xa foron comunicadas ao concello, prolongaranse durante arredor de 17 xornadas e desenvolveranse nun tramo que transcorre pola parroquia de San Vicente de Meirás.

Os traballos  consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos e realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras e outras ferramentas manuais, e co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2026