A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe unha explotación gandeira en réxime extensivo no concello de Cerdedo-Cotobade

A Xunta reafirma este ano o seu apoio ao sector gandeiro con axudas por preto de 2 M€ para previr e compensar os danos polos ataques do lobo

Os avisos por danos nos últimos dous anos aumentaron un 72% en relación con 2021 e as reses afectadas un 55%, cunha media de case nove animais atacados ao día

A conselleira traslada a preocupación do Executivo galego ante a falta de información por parte do Goberno central sobre o informe sexenal da especie, que debería ser remitido a Bruxelas antes do pasado 31 de decembro

A Administración autonómica urxe ao Executivo central a que convoque a Conferencia sectorial de medio ambiente para abordar este e outros asuntos

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 14 de xaneiro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, trasladou hoxe o apoio da Xunta ao sector gandeiro fronte aos ataques do lobo e lembrou que ese compromiso se consolida este ano coa convocatoria de distintas ordes de axudas que suman arredor de 2 millóns de euros para previr e compensar os danos causados pola especie.

A responsable autonómica visitou unha explotación en extensivo de cabalos no monte Coirego, en Cerdedo-Cotobade, e lembrou que aínda está aberto o prazo para solicitar as distintas achegas para a instalación de valados fixos, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada, a adquisición e mantemento de cans protectores e defensores do gando e a contratación de persoas coidadoras de gando, que suman un orzamento de preto de 1,3 millóns de euros.

A conselleira lembrou que a maiores está aberto o prazo para solicitar as axudas para compensar os danos causados polo lobo entre o 1 de outubro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026, que contan cun orzamento de arredor de 600.000 euros. De feito, incidiu en que estes apoios son especialmente importantes tendo en conta o incremento rexistrado nos ataques desde que o lobo foi incluído en setembro de 2021 no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe).

Nos últimos dous anos (2024 e 2025) rexistrouse unha media de 2.019 avisos por ataques desta especie, o que supón un incremento do 72% en relación cos 1.174 do ano 2021. Na mesma liña, as reses afectadas por eses ataques pasaron de 2.050 en 2021 a unha media de 3.168 nos últimos dous anos, o que implica unha suba do 55%. Isto equivale a que cada día son atacados polo lobo nove animais.

A conselleira subliñou que a situación é máis delicada aínda no caso dos cabalos -e das explotacións dedicadas á cría equina, como a que visitou- pois as reses atacadas pasaron de 311 no ano 2021 a unha media de 575 nos últimos dous anos, o que supón un aumento do 85% desde que o lobo se incluíu no Lesrpe.

Apoio ao sector

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático contrapuxo o apoio da Xunta ao sector gandeiro co desleixo do Goberno central e a súa teima en protexer o lobo de xeito arbitrario sen ter en conta a evolución da súa poboación nin o impacto socioeconómico que teñen no sector agrogandeiro os seus ataques. Nesta liña, o Executivo central debe a Galicia 12 millóns de euros de fondos para compensar os danos do lobo, correspondentes aos anos 2022, 2023 e 2025.

No mesmo sentido, a conselleira mostrou a súa preocupación pola falta de información sobre as xestións realizadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para o envío do informe sexenal da especie a Bruxelas. Este documento debía ser remitido inicialmente antes do 31 de xullo pero, despois de que o Goberno central solicitase dúas prórrogas, a última data límite coñecida era o 31 de decembro.

A conselleira censurou que as comunidades seguen sen noticias sobre este asunto e lembrou que tampouco se convocou a Conferencia sectorial de medio ambiente, na que debe analizarse esta cuestión e validar o informe de xeito previo ao seu envío ao Executivo comunitario. Unha situación sen precedentes que mostra a escasa vontade de colaboración do Executivo central coas autonomías en asuntos coma este, polo que urxiu a que esa convocatoria da Conferencia sectorial se realice de forma inmediata.

Nesta liña, Ángeles Vázquez, trasladou aos gandeiros presentes no acto o compromiso do Executivo autonómico co sector gandeiro e que vai seguir traballando na defensa dos seus intereses ante todas as autoridades, tanto ante o Goberno central como ante as institucións comunitarias, promovendo unha correcta xestión das poboacións do lobo.

Neste sentido, segundo o censo desta especie elaborado pola Xunta en 2022, a poboación do lobo ibérico mantense estable na comunidade, cun total de 93 mandas, e a súa presenza esténdese en máis do 90% do territorio, co que o seu estado de conservación é favorable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/01/2026