A Xunta e a Generalitat de Cataluña colaboran na loita contra o desperdicio alimentario
Barcelona, 14 de xaneiro de 2026
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Juan José Cerviño, mantivo esta mañá en Barcelona unha reunión de traballo co director xeral de Empresas Agroalimentarias, Calidade e Gastronomía da Generalitat de Cataluña, Joan Gòdia, e con técnicos deste departamento.
O encontro, que tivo lugar na sede do Departamento de Agricultura, Gandaría, Pesca e Alimentación, xirou arredor de asuntos como o control do desperdicio alimentario, un eido no que a Generalitat catalá é un referente. Nesta mesma liña, Cerviño visitou tamén nesta xornada a sede da Fundación Espigoladors, unha organización sen ánimo de lucro que loita contra as perdas alimentarias e axuda a persoas en risco de exclusión social. Posteriormente, o director xeral desprazouse ata Mercabarna, para coñecer o Foodback, un novo centro de aproveitamento alimentario situado neste mercado central da cidade.