O conselleiro de Sanidade, acompañado do director xeral de Maiores e Asistencia Sociosanitaria da Consellería de Política Social e Igualdade, interveu na inauguración do I Encontro da Rede de Investigación en Promoción da Saúde de Galicia RIPS-GA

Gómez Caamaño salienta a nova rede de investigación en promoción da saúde como ferramenta esencial para anticiparse ás enfermidades, mellorar o benestar e protexer o sistema sanitario público

O titular de Sanidade destaca que con esta rede se crea un novo espazo de diálogo entre a investigación e a práctica clínica e se facilita a transferencia de coñecemento

Incide en que a nova rede permite reunir o talento das universidades galegas, institutos de investigación e do Servizo Galego de Saúde ao redor do obxectivo común de mellorar a saúde e o benestar da cidadanía galega

Remarca a firme aposta da Xunta polas políticas preventivas, sobre todo as relacionadas coa mocidade

Galicia é a primeira comunidade en prohibir a venda de bebidas enerxéticas e os cigarros electrónicos aos menores, a través da Lei de protección da saúde dos menores e prevención das condutas aditivas que entrará en vigor en marzo

Incide en que con iniciativas como a Cátedra de Vida Saudable, promovida pola Xunta e pola USC, impúlsanse proxectos ambiciosos e multidisciplinares, como a creación da rede de investigación e innovación en promoción da saúde presentada hoxe

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou a nova rede de investigación en promoción da saúde como ferramenta esencial de Galicia para anticiparse ás enfermidades, mellorar o benestar da cidadanía e protexer a sostibilidade do sistema sanitario público da comunidade, especialmente nun escenario de envellecemento, de cronicidade e de retos demográficos crecente.

O titular da carteira sanitaria, acompañado do director xeral de Maiores e Asistencia Sociosanitaria da Consellería de Política Social e Igualdade, Antón Acevedo, interveu no acto de inauguración do I Encontro da Rede de Investigación en Promoción da Saúde de Galicia RIPS-GA.

Esta iniciativa permite reunir, por primeira vez, o talento disperso en múltiples equipos das universidades galegas, institutos de investigación e do Servizo Galego de Saúde, ao redor dun obxectivo común que é mellorar a saúde e o benestar de todos os galegos.

O conselleiro incidiu en que con esta rede se crea un novo espazo de diálogo entre a investigación e a práctica clínica e se facilita a transferencia de coñecemento, ao tempo que se impulsan novas sinerxías que terán un impacto real e positivo na vida da poboación.

Segundo dixo o conselleiro, non abonda con curar, hai que anticiparse ás enfermidades e promover contornas e estilos de vida que favorezan a saúde das persoas e niso Galicia é experta, contando con políticas de prevención á vangarda do Estado.

Aposta da Xunta polas políticas preventivas

Na súa intervención no acto, Gómez Caamaño referiu que Sanidade mantén unha aposta firme polas políticas preventivas, sobre todo as relacionadas coa mocidade.

Nesta liña, destacou a nova Lei de protección da saúde dos menores, que entrará en vigor en marzo, coa que a Xunta equipara o consumo de bebidas enerxéticas ao alcohol e os cigarros electrónicos ao tabaco convencional. Un paso decisivo que fai de Galicia a primeira comunidade en prohibir a venda destes produtos aos menores de idade.

Tamén destacou o conselleiro o Plan Inspira Saúde, destinado a eliminar o tabaquismo como problema de saúde pública en Galicia.

Ao respecto de todas estas iniciativas, o titular de Sanidade puxo en valor o traballo excepcional que está a levar a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública.

Para concluír a súa intervención, Gómez Caamaño referiu que, coa cooperación institucional a través de iniciativas como a Cátedra de Vida Saudable, que promove a Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela, impúlsanse proxectos ambiciosos e multidisciplinares, como a creación da rede de investigación e innovación en promoción da saúde, que hoxe se presentou na Facultade de Medicina.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/01/2026