A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou un convenio de colaboración coa entidade
A Xunta e a Fundación Reina Sofía colaboran na restauración de espazos naturais protexidos afectados por incendios forestais
Ángeles Vázquez pon en valor o apoio da entidade en favor da conservación dos ecosistemas cunha achega de 65.000 euros para actuacións no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra e na Reserva de biosfera Ribeira Sacra
Recuperarase unha alvariza tradicional e porase en funcionamento coa instalación de colmeas activas, e crearase unha masa mixta de frondosas de 1,37 hectáreas
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026.
A Xunta de Galicia e a Fundación Reina Sofía colaborarán na restauración e recuperación de espazos naturais protexidos que se viron afectados por incendios forestais nas provincias de Ourense e Lugo, tal e como recolle o convenio de colaboración que asinaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o vogal-secretario da entidade, José Luis Nogueira Guastavino.
Nese senso, a conselleira puxo en valor o apoio da Fundación Reina Sofía cunha achega de 65.000 euros para acometer dúas actuacións no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra e na Reserva de biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel de cara á recuperación ecolóxica, social e paisaxística de contornas desas áreas protexidas. Ángeles Vázquez explicou que será a Xunta quen elabore o proxecto e execute ambas actuacións de restauración.
En concreto, no caso do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, rehabilitarase unha alvariza tradicional e porase en funcionamento coa instalación de colmeas activas co obxectivo de promover a actividade apícola local e favorecer a restauración florística da contorna. Ademais, segundo dixo Ángeles Vázquez, esta actuación, que conta cun orzamento de 50.000 euros, contribuirá tamén á conservación do patrimonio etnográfico e arquitectónico do rural galego.
Nese senso, cómpre subliñar que as alvarizas representan un elemento patrimonial emblemático e singular de Galicia, sendo especialmente característico na montaña oriental. Son construcións tradicionais de pedra de planta circular destinadas, en orixe, a protexer as colmeas de abellas fronte aos ataques do oso. Na actualidade son estruturas estratéxicas necesarias para promover a potenciación de poboacións de especies polinizadoras.
No que atinxe á Reserva de biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, a Consellería e a Fundación Reina Sofía colaborarán na creación dunha masa mixta de frondosas de 1,37 hectáreas na aldea do Vilar, no Concello de Folgoso do Courel, que tiña un souto de castiñeiros centenarios que se viu afectado polo lume.
Esta medida vén complementar as actuacións postas en marcha pola Xunta para a restauración ambiental desta contorna. Entre elas, por exemplo, os traballos para recuperar o vigor vexetativo dos castiñeiros no souto da Devesa -25 ha.-, así como de 5,8 ha. de erbedais; a rexeneración de bidueirais en 3,15 ha. no lugar de Vidallón, ou a actuación en 9 ha. de carballos e outras frondosas na parroquia de Visuña.
Ademais, no marco das axudas da Xunta para paliar os danos dos incendios forestais do pasado verán, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático concedeu preto de 1 millón de euros en dúas liñas de apoios.
En concreto, destinou arredor de 600.000 euros a entidades e concellos titulares de terreos cinexeticamente ordenados (TECOR). Estas axudas teñen como obxectivo cubrir gastos de sementeira de cereais que serven de alimento á fauna silvestre e contribúen a restaurar tanto os hábitats cinexéticos como os solos afectados; e tamén para acometer actuacións de recuperación, reparación e reposición de infraestruturas ou instalacións (refuxios, fontes, bebedoiros e comedeiros para animais, cercados, tobeiras, etc.) destruídas ou danadas polo lume.
Por outra banda, concedéronse axudas por un importe de preto de 400.000 euros a entidades locais e montes veciñais en man común con infraestruturas públicas danadas dentro da Rede galega de espazos protexidos. Neste caso, as actuacións subvencionables con cargo a esta orde inclúen a reposición ou reparación de elementos estruturais de sendas e rutas sinalizadas, entre eles sinais, miradoiros, varandas de madeira e tramos de pasarelas do mesmo material; de distintas infraestruturas e instalacións de interpretación do medio natural, como carteis e outros; e de elementos de áreas recreativas localizadas en espazos protexidos