A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e o rexedor asinaron esta mañá o convenio no que se fixan os termos de colaboración de ambas administracións
A Xunta e o Concello de Meaño investirán case 82.000 € na mellora do saneamento no lugar de Abuín
Os traballos, que se prevé que poidan comezar este mesmo ano, inclúen a colocación dunha nova condución duns 350 metros, a substitución de colectores antigos por un novo e de maior capacidade e a construción de pozos de rexistro impermeabilizados
Ángeles Vázquez enmarca esta actuación no apoio de Augas de Galicia aos concellos para optimizar as súas redes de infraestruturas hidráulicas e salienta que contribuirá tamén á protección do medio natural e á calidade das augas do río da Chanca
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026
A Xunta de Galicia e o Concello de Meaño investirán preto de 82.000 euros na execución dunha actuación integral para a mellora do saneamento no lugar de Abuín, pertencente á parroquia de Dena.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Carlos Viéitez, asinaron esta mañá o convenio no que se fixan os termos da colaboración entre ambas administracións para acometer as obras necesarias. En concreto, a achega da Xunta, a través de Augas de Galicia, será dun máximo de 70.000 euros, mentres que o Goberno local aportará a diferencia ata completar o custo estimado da actuación e asumirá a súa execución e posterior mantemento.
Os traballos a executar neste caso inclúen como actuacións máis destacadas a instalación dunha nova condución nun tramo de aproximadamente 350 metros; a substitución de dous colectores xa existentes por un só e de maior capacidade e a construción de novos pozos de rexistro debidamente impermeabilizados. A previsión é que as obras poidan comezar este mesmo ano.
Neste sentido, cómpre lembrar que a rede de saneamento municipal sofre problemas puntuais de vertidos no lugar de Abuín que teñen a súa orixe nos colectores situados nas proximidades do río da Chanca, incidencias que se busca resolver con esta actuación.
Tras sinalar que se trata dunha intervención estratéxica para o municipio xa que permitirá recoller e conducir axeitadamente as augas residuais procedentes de varias parroquias e do polígono industrial de Sanxenxo, a conselleira enmarcou o convenio asinado hoxe no apoio técnico e económico que brinda Augas de Galicia ás entidades locais para a optimización das súas redes municipais de saneamento e de abastecemento así como para a renovación de infraestruturas hidráulicas esenciais.
De feito, ese compromiso coas administracións locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) dos que 3 de cada 5 euros se destinarán especificamente a saneamento e depuración —90,6 millóns de euros— e dentro desta partida, algo menos da metade —41,7 millóns— resérvanse a seguir apoiando aos concellos no exercicio das súas competencias neste eido.
No caso concreto de Meaño, a conselleira salientou que ademais de mellorar o funcionamento da rede de depuración local, a actuación prevista en Abuín contribuirá tamén á protección do medio natural e a garantir a calidade das augas no ámbito do río da Chanca, en liña cos obxectivos marcados pola normativa galega e europea.