Sanxenxo mellora a eficiencia enerxética do edificio cultural de Nantes grazas a unha achega da xunta de máis de 113.000 euros

O delegado territorial destacou a importancia de levar a cabo obras que diminúan os gastos correntes dos concellos, así como o seu impacto ambiental

A subvención permitiu mellorar a calefacción e o illamento do edificio, ademais de instalar novos puntos led

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Sanxenxo con motivo das obras de mellora da eficiencia enerxética do edificio cultural de Nantes.

Así, o concello contou cunha achega da Xunta de 113.000 euros, o que supón o 80% do investimento total, que permitiu realizar varias actuacións clave. Por un lado, renováronse as luminarias, substituíndo as antigas por novos puntos de luz led de baixo consumo. Ademais, mellorouse a climatización e o illamento do edificio. Por último, instalouse un novo sistema de climatización que  permitirá un importante aforro enerxético.

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de “apostar por edificios máis eficientes que, ademais de diminuír os gastos correntes dos concellos, os fagan máis sostibles”.

Cabe destacar que o financiamento desta obra encádrase na Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027, que ten como obxectivo  contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático. Na área territorial de Pontevedra beneficiáronse desta liña de axudas oito concellos por valor de máis de 856.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/01/2026