Belén do Campo anima aos comerciantes e artesáns a solicitar axudas para apoiar a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade a partir de hoxe venres 16 de xaneiro
A delegada da Xunta visitou esta mañá os establecemento La Casa de las Zapatillas e Los Postres de Kelly, dous dos comercios beneficiarios da orde de axudas de apoio ao comercio minorista e artesanal
A convocatoria, para este ano 2026, está dotada con 4 millóns de euros e incorpora importantes melloras, como a ampliación do período subvencionable, que pasa a comprender gastos realizados desde o 25 de outubro de 2025, así como a simplificación administrativa e a axilización do procedemento de concesión e dos pagamentos anticipados
A Coruña, 16 de xaneiro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou, esta mañá, os establecementos La Casa de las Zapatillas e Postres de Kelly , dous dos comercios beneficiarios da orde de axudas de apoio ao comercio minorista e artesanal correspondente ao ano 2025. O negocio La Casa de las Zapatillas recibiu unha achega que lle permitiu na liña de dixitalización, a mellora da súa páxina web e venta on line; coa de modernización levou a cabo a renovación do escaparate, do solo do establecemento e dos toldos e coa de sostenibilidade ambiental a adquisición de bolsas reciclables. Pola súa banda, Postres de Kelly recibiu unha subvención os coa que levou a cabo coa liña de modernización o deseño dun rótulo e dunha banderola e no ámbito da dixitalización realizou unha campaña de publicidade en redes.
Durante a visita, Belén do Campo puxo en valor o impacto destas axudas no conxunto do territorio. Así, explicou que no pasado exercicio se beneficiaron na comarca da Coruña un total de 82 negocios, pertencentes aos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, cun investimento superior aos 505.000 euros. No conxunto da provincia da Coruña, as axudas chegaron a 268 comercios e obradoiros artesanais, cun importe que superou os 1,3 millóns de euros, mentres que en toda Galicia se apoiaron máis de 700 negocios cun investimento global de arredor de 4 millóns de euros.
Nova convocatoria 2026
A delegada territorial aproveitou a visita para animar aos comerciantes e artesáns a presentar a súa solicitude á nova convocatoria de axudas, que se abre hoxe venres, 16 de xaneiro. A edición de 2026 contará con tres liñas compatibles entre si, orientadas a fomentar a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade do comercio retallista e artesanal.
Esta orde de axudas, dotada novamente con preto de 4 millóns de euros, forma parte do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030. O prazo para presentar solicitudes —logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia o pasado día 8 da xaneiro— permanecerá aberto ata o 16 de febreiro de 2026.
Entre as novidades da convocatoria, Belén do Campo destacou a ampliación do período subvencionable, que pasa a incluír gastos realizados desde o 25 de outubro de 2025, así como a simplificación dos trámites administrativos e a axilización tanto da resolución das solicitudes como do aboamento dos anticipos. As axudas concédense por concorrencia non competitiva, atendendo á orde de entrada das solicitudes.
A representante do Goberno galego subliñou tamén que a intensidade das axudas se incrementa do 80 % ao 90 % no caso dos establecementos adheridos ao proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas.
Poderán optar a estas subvencións os comercios retallistas de Galicia que teñan a condición de pemes con ata dez persoas traballadoras, así como os obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. A convocatoria tamén está aberta a persoas autónomas, empresas e comunidades de bens legalmente constituídas.
As axudas permitirán financiar un amplo conxunto de actuacións destinadas á modernización do comercio de proximidade, como proxectos de dixitalización (creación ou mellora de páxinas web, tendas en liña ou implantación de ferramentas de xestión), accións de innovación comercial e mellora da imaxe dos establecementos, así como medidas orientadas á eficiencia enerxética e á sustentabilidade ambiental.
Finalmente, Belén do Campo salientou que para a Xunta de Galicia “o sector comercial e artesán ten un papel fundamental desde o punto de vista económico, social e territorial, pola súa capacidade para xerar emprego, dinamizar vilas e cidades e contribuír á fixación de poboación”.