A Xunta ten aberto o prazo de solicitude das axudas para a adquisición de taxis adaptados, de emisións cero ou Eco

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá da nova convocatoria durante un encontro cun dos beneficiarios da convocatoria anterior

Avanza que este ano o orzamento da orde ascende a 500.000 euros, con achegas de ata 10.000 euros

Ortigueira (A Coruña), 16 de xaneiro de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, desprazouse esta mañá ao municipio de Ortigueira xunto ao alcalde da localidade, Valentín Calvín, onde informou da nova convocatoria para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), os tipo cero emisións e os Eco. O fixo durante un encontro cun dos beneficiarios da anterior convocatoria, Javier Alejandro Otero, que adquiriu un taxi adaptado cunha achega de 10.000 euros.

Aneiros destacou que o obxectivos destas axudas “é reforzar a aposta do sector do taxi pola inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados ás diferentes necesidades de mobilidade e tamén fomentar o uso de vehículos taxi de tipo emisións cero e Eco, contribuíndo á loita contra o cambio climático e reducindo as emisións contaminantes”.

En concreto, as axudas serán de 10.000 euros para taxis adaptados, 4.000 euros para taxis de cero emisións e 1.000 euros para taxis Eco.

Durante o encontro, a representante da Xunta lembrou que esta convocatoria conta cun orzamento de 500.000 euros e que está aberto o prazo de solicitude ata o próximo 14 de outubro ou ata o esgotamento do crédito.

A medida vai dirixida ás persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de Mobilidade competentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2026