A Xunta promove a transformación e comercialización de produtos agrarios cunha nova orde de axudas con 19 M€ ata 2028

As achegas contan con dúas liñas subvencionables dirixidas a investimentos con obxectivos ambientais e para aumentar o valor das producións agrarias

Poderán solicitalas os empresarios individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto desta axuda

Con elas poderán financiarse tanto investimentos para a construción e reforma de inmobles como para a compra de maquinaria e equipamentos novos ou programas informáticos, entre outros

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria da Consellería do Medio Rural en materia de transformación e comercialización dos produtos agrarios, dotadas con case 19 millóns de euros ata 2028, no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac). Estas achegas contan con dúas liñas subvencionables, unha dirixida a investimento con obxectivos ambientais e outra centrada na concesión de achegas que aumenten o valor das producións agrarias.

Poderán solicitar estas achegas os empresarios individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto desta axuda. Con elas poderán financiarse tanto investimentos para a construción e reforma de inmobles como para a compra de maquinaria e equipamentos novos ou programas informáticos, entre outros.

O prazo para solicitar estas achegas será dun mes a partir de mañá, día seguinte á publicación da convocatoria no DOG.

No marco destas achegas, dende o ano 2016 a Xunta de Galicia destinou algo máis de 195 millóns de euros para apoiar 614 proxectos que implicaban un investimento para a transformación e comercialización de produtos agroalimentarios. Os sectores que teñen máis peso nestas achegas son o lácteo e o cárnico, xa que abranguen a metade dos proxectos subvencionados. No que atinxe ao lácteo, estas axudas son moi importantes porque inciden no incremento da transformación do leite en Galicia, un obxectivo estratéxico para este eido produtivo.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260116/AnuncioG0426-261225-0001_gl.html

Data de actualización: 16/01/2026