O secretario xeral asiste ao Campionato Galego de Cros Xogade en Ribadeo e destaca a vida activa dunha mocidade que fai máis deporte
Roberto García visitou hoxe o campamento xuvenil A Devesa onde competiron preto de medio milleiro de rapaces e rapazas de toda Galicia
Ribadeo (Lugo), 17 de xaneiro de 2026
O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, asistiu na mañá de hoxe ao campamento xuvenil A Devesa onde tivo lugar o Campionato Galego de Cros Xogade Xunta de Galicia coa participación de preto de medio milleiro (446) de rapaces e rapazas, sendo maioría as mulleres cun 52% (231) e o 48% restante, homes (215).
Roberto García destacou a importancia do cros como unha das actividades máis relevantes do Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar) que xunta toda a oferta deportiva escolar e federada para os rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos. Neste sentido, na presente tempada, contabilízanse preto de 50.000 rapaces e rapazas inscritos na actividade deportiva escolar do cros co 48% de nenas e o 52% de nenos. Máis polo miúdo, o 53% destes rapaces foron da provincia de Pontevedra, o 28% da Coruña, o 13% de Ourense e o 6% de Lugo.
O mandatario galego destacou a importancia do deporte nas idades máis temperás por ser “hábitos que permanecerán na vida dos pequenos ata as idades máis avanzadas” e que permiten que, “consigamos esa Galicia activa e saudable que todos queremos e que afasta as enfermidades provocadas polo sedentarismo e a inactividade física”. Deste xeito lembrou que a Xunta financia o seguro deportivo de todos os participantes no programa sen repercutir este gasto ás familias.
O Xogade xa transita pola súa décimo sétima edición e a tempada pasada rexistrou un total de preto de 147.000 mutualizados (146.622), o que representa o 66% dos 221.671 escolares de entre 6 e 16 anos que hai en Galicia. En total estes 147.000 escolares sumaron 240.952 participacións: 130.999 participacións na actividade deportiva federada e 99.420 participacións en actividade deportiva escolar. Neste sentido, as participacións subiron, con respecto ao ano pasado, un 20%, polo que podemos dicir que a mocidade galega fai máis deporte.