A Xunta impulsa a humanización, accesibilidade e seguridade viaria no núcleo urbano de Meaño

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes coñeceu o resultado das obras de mellora da rúa Herminia Fariña, realizadas no marco da liña para proxectos de carácter estratéxico

A achega autonómica superior aos 261.000 euros permitiu ampliar as beirarrúas, renovar a calzada, instalar mobiliario urbano e actuar na paisaxe, entre outras accións

O Goberno galego impulsou 39 propostas estratéxicas para os concellos galegos no marco das convocatorias desta liña de apoio de 2024 e 2025

Meaño (Pontevedra), 16 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, comprobou hoxe en Meaño os resultados das obras de mellora e humanización da contorna da rúa Herminia Fariña, executadas co apoio da Xunta. O Goberno galego destinou máis de 261.000 euros á iniciativa, a metade dos 522.000 euros presupostados, a través da liña de colaboración para proxectos de carácter estratéxico en infraestruturas municipais do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL) de 2024, dotada con 8,5 millóns de euros.

Os traballos centráronse na ampliación das beirarrúas, na mellora da calzada e da paisaxe, e na instalación de mobiliario urbano. O obxectivo é garantir a accesibilidade e a seguridade viaria nunha área moi transitada, xa que concentra servizos e infraestruturas fundamentais para a cidadanía, como o Concello, o centro de saúde e o CEIP As Covas Meaño. Deste xeito, mellórase a calidade urbana e paisaxística, redúcese o tráfico e foméntase a mobilidade sostible ao darlle prioridade aos peóns e ao uso da bicicleta, entre outros obxectivos. A transformación deste espazo busca tamén poñer en valor a figura da escritora Herminia Fariña, que dá nome á rúa.

A través da liña de apoio a proxectos estratéxicos, o Goberno galego apoia o impulso de iniciativas que transcenden o ámbito municipal e que contribúen a fomentar a economía e a industria dos concellos galegos e a transformar de maneira transversal outros ámbitos como o turismo, o deporte ou o medio ambiente. Así, as actuacións céntranse na mellora de infraestruturas hidráulicas, culturais, deportivas, para servizos sociais ou de mobilidade e accesibilidade, como é o caso de Meaño.

Impulso a 39 propostas

Segundo indicou Diego Calvo, a través desta medida, que suma dúas convocatorias, impulsáronse 39 propostas en Galicia, a metade delas na provincia de Pontevedra. Así, dos 20 proxectos beneficiarios en 2024, ademais de Meaño, resultaron beneficiarios na provincia os de Poio, Moraña e Soutomaior, tamén para infraestruturas de mobilidade e accesibilidade; do Rosal, Baiona, Salvaterra de Miño, Marín e Bueu, para instalacións deportivas; a da Mancomunidade do Salnés, para unha infraestrutura hidráulica; e a do Porriño, destinada a servizos sociais.

En 2025 sumáronse en Pontevedra as propostas de Ponteareas, Valga e Vilanova de Arousa para distintas infraestruturas deportivas, Silleda para a escola de música, Mos e Mondariz, para áreas de lecer, e a Mancomunidade do Salnés para o centro loxístico. No conxunto da comunidade este ano houbo 19 proxectos beneficiarios.

Precisamente a elevada demanda que tivo nas dúas primeiras convocatorias e a súa importancia estratéxica para os concellos levou a Xunta a reforzar o seu orzamento para 2026 ata os 10 millóns de euros.

Compromiso cos concellos

Diego Calvo incidiu no compromiso co eido local mediante liñas de axudas específicas aos concellos, como a Orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental e o Fondo de Cooperación Local, no que se enmarca esta liña dirixida a proxectos estratéxicos, ou o Plan específico de acción comunitaria, dirixido a colectivos veciñais. A través delas impulsáronse preto dun milleiro de actuacións de apoio ao eido local ao longo do pasado ano. No caso do concello de Meaño, nos últimos exercicios recibiu preto de 2,4 millóns de euros a través das distintas medidas de apoio da Xunta ás administracións locais.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2026