A Xunta analiza coa deputación de Ourense posibles vías de colaboración en materia de dinamización do comercio e emprendemento ligado ao territorio
Ourense, 17 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, mantivo esta semana un encontro co presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, para analizar posibilidades de colaboración en materia de dinamización do comercio —sector clave na xeración de emprego— e de emprendemento ligado ao territorio. Nesta liña, púxose de relevo a importancia da colaboración coas entidades locais, cuestión que potencia a Xunta en distintas iniciativas relacionadas co pulo á empregabilidade da cidadanía ou, no ámbito da dinamización do comercio, coa iniciativa Vilas Vivas —implantada xa en Ribadavia— e coa potenciación das prazas de abastos.
No eido do emprendemento, puxeron de relevo a Estratexia de Emprendemento Ligado ao Territorio de Galicia 2025–2030, da que a Xunta presentou en novembro as liñas mestras no marco do I Congreso Ultreia Galicia, celebrado no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Entre os obxectivos principais desta ferramenta está o pulo á Rede de polos de emprendemento, que na provincia de Ourense conta con catro oficinas (Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Verín).