A Xunta abre mañá a convocatoria para que os concellos se sumen á campaña de prevención e sensibilización ‘Agresión off’
O obxectivo desta iniciativa impulsada no 2021 é informar á cidadanía sobre a violencia de xénero e fomentar o diálogo e a reflexión social da poboación neste eido
Na pasada edición participaron máis de 4.000 persoas nos diferentes stands repartidos por toda a comunidade
Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2026
A Xunta abre mañá, luns 19, unha nova convocatoria para que os concellos se adhiran á campaña do Goberno galego Agresión off, que busca sensibilizar á cidadanía sobre a violencia de xénero. Deste xeito, a través dun punto informativo ofrécense ferramentas esenciais para previr e detectar calquera manifestación da violencia contra as mulleres.
O obxectivo desta iniciativa impulsada pola Xunta é ofrecer información esencial á cidadanía para promover a conciencia social contra a violencia de xénero, rachar coas condutas machistas e promover o bo trato nas relacións persoais. A campaña pretende interpelar desde a rúa, centros educativos ou espazos cotiás a toda a poboación, pero especialmente á mocidade que se atopa entre o colectivo máis vulnerable, para promover modelos de relación afectivo- sexuais baseados no respecto e a tolerancia e coa finalidade de erradicar os prexuízos baseados nos roles de xénero.
A campaña Agresión off conta con moi boa acollida en todos os concellos que se suman a iniciativa, de feito, na pasada edición do 2025, achegáronse aos stands informativos máis de 4.000 persoas de 35 concellos de toda a xeografía galega e cunha alta participación de municipios rurais. Neste sentido, a Xunta agradece ás Administracións locais a súa implicación na loita contra a violencia de xénero e invítaos a seguir promovendo estas iniciativas que constrúen unha Galicia máis xunta, respectuosa e igualitaria.