Román Rodríguez participará esta semana en Londres na feira de innovación educativa líder en Europa

A Xunta estará presente por primeira vez en Bett, un dos principais expositores do mundo onde se dan a coñecer as novidades en materia de tecnoloxía no ensino

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, viaxará esta semana en Londres para participar na feira de Bett en Londres, o principal encontro de Europa en materia de innovación educativa que reúne a miles de profesionais do ensino de distintos países, entre docentes, centros escolares, responsables de políticas públicas e de firmas tecnolóxicas.

A delegación galega estará presente por primeira vez nesta cita de relevancia internacional, co fin de explorar as últimas solucións tecnolóxicas ao servizo da transformación do ensino e a aprendizaxe. Trátase dun momento especialmente destacado ante a recente aprobación do Plan de benestar dixital e a tramitación da futura Lei de educación dixital, que converterá a Galicia nunha rexión referente, así como pola próxima licitación de EdugalIA, o proxecto co que a Xunta vai aplicar a intelixencia artificial no sistema educativo para reducir o abandono escolar.

Con esta finalidade, Román Rodríguez estará acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e polos responsables do Centro de Innovación Educativa Dixital e do Centro Autonómico de Formación e Innovación.

A visita alíñase coa liña de traballo do Goberno galego de aproveitar todas as potencialidades e o bo uso da tecnoloxía e a innovación ao servizo da mellora da calidade educativa en eidos tan importantes como a atención á diversidade, a inclusión e mesmo a xestión. Non en balde, nos últimos anos Galicia está introducindo novas accións neste eido como a devandita lei, un texto pioneiro a nivel estatal e europeo que ten como obxectivo regular adecuadamente o uso da tecnoloxía en colexios e institutos.

Este encontro, que conta con máis de 600 expositores, 400 poñentes de alto nivel e unha comunidade global de asistentes de máis de 130 países, conecta cada ano ás empresas e startups máis innovadoras con responsables de administracións educativas, institucións universitarias e colexios de toda Europa e de Oriente Medio. Esta feira revélase, pois, como unha cita imprescindible onde se dá a coñecer o máis novidoso en canto a ferramentas e recursos tecnolóxicos para mellorar a educación.

Data de actualización: 18/01/2026