Román Rodríguez comproba o resultado das obras de mellora no Colexio Ortigueira de Vedra

A Xunta investiu case 420.000€ nesta intervención coa que se creou un novo espazo cuberto no exterior, se reformou o ximnasio e se ampliou o comedor cunha terrazas

Tamén se recuperou un espazo natural en desuso e instaláronse ramplas para facer totalmente accesible a contorna

Vedra (A Coruña), 17 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou hoxe o resultado das obras de mellora realizadas no Colexio Ortigueira, na localidade coruñesa de Vedra. A Xunta investiu case 420.000 € nesta intervención coa que se creou un novo espazo cuberto no exterior, se reformou o ximnasio e se ampliou o comedor.

O titular do departamento educativo da Xunta sinalou esta actuación como “un exemplo do modelo de centros flexibles e multidisciplinares que propón o Plan de nova arquitectura pedagóxica”. “Non en balde, o novo espazo cuberto permite trasladar o comedor ao exterior e reactivar o uso dunha zona de patio que estaba sen utilizar, ampliando os espazos de lecer que poidan usar os alumnos nos días de mal tempo”, destacou.

Román Rodríguez subliñou que o Goberno galego leva investidos máis de 1,1M€ na última década nos dous colexios de Vedra. Neste sentido cómpre salientar que, a maiores desta obra, en 2020 acometeuse a ampliación do Centro Público Integrado Plurilingüe de Vedra, para dotalo dun novo aulario para Secundaria, cun investimento de máis de 841.000€.

Detalles da intervención

A actuación supuxo a reforma dunha superficie de 397m² e a construción doutros 220m² de espazo útil. O novo espazo cuberto sitúase na fachada oeste do edificio de Primaria, e está conectado co ximnasio mediante portas corredeiras e transparentes, creando un patio cuberto cunha superficie aproximada de 70 m² que dá resposta á necesidade que tiña o colexio dunha infraestrutura para as actividades ao aire libre en momentos de choiva. Tamén se instalou un aseo adaptado e un almacén no interior do ximnasio.

A maiores, colocáronse gradas que salvan o desnivel co patio descuberto, o que fai posible a celebración de actos para toda a comunidade educativa, así como ramplas totalmente accesibles.

A nova estrutura é de formigón armado prefabricado, con chan tamén de formigón con lámina impermeable. O forxado vai forrado con taboleiros de labras de madeira aglomerados con magnesita para mellorar a absorción acústica do teito e permitir unha continuidade de acabado co teito do ximnasio.

A cuberta do novo espazo crea en primeira planta unha terraza de algo máis de 100 m² que está conectada co comedor, de tal xeito que se pode abrir ao exterior.  Está dotada con bancos que funcionan tamén como lucernarios para dotar de luz natural ao novo patio cuberto, de xardineiras e dunha pérgola vexetal para o control solar. A terrazas está conectada mediante unha  pasarela adaptada con varanda co patio sur, activando un espazo natural que estaba en desuso ata o momento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2026