María José Gómez destaca o proxecto turístico de queixería Airas Moniz como elemento dinamizador do rural

A conselleira do Medio Rural visitou hoxe as instalacións desta empresa en Chantada para coñecer a iniciativa Experiencias queixeiras no corazón de Galicia, que contou co apoio do Goberno galego a través do programa Leader

Sinalou que cunha achega de máis de 29.400 euros deseñáronse distintos paquetes de actividades e instalouse unha tenda na que se poden mercar tanto os produtos de Airas Moniz, como os doutros produtores locais da zona

A maiores, lembrou que en breve publicarase unha nova convocatoria das axudas do programa Leader para o período 2026-2027, dotadas cun orzamento de 27,8 millóns de euros para o desenvolvemento de accións que impulsen o desenvolvemento rural

Ante a futura PAC, desde a Consellería séguese defendendo a necesidade de blindar os fondos de desenvolvemento rural, entre os que se atopa o programa Leader

Chantada (Lugo), 17 de xaneiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe o proxecto turístico Experiencias queixeiras no corazón de Galicia, promovido pola queixería Arias Moniz, como elemento dinamizador do rural. Fíxoo na súa visita ás instalacións desta empresa en Chantada, onde coñeceu de primeira man o servizo que ofrecen.

A conselleira salientou que esta iniciativa contou co apoio do Goberno galego cunha achega de máis de 29.400 euros, a través do programa Leader, para a súa posta en marcha. Neste sentido, explicou que este investimento permitiu deseñar distintos paquetes de actividades na queixería e na granxa con visitas, catas ou experiencias cos animais; e instalar unha tenda na que se poden mercar os produtos de Airas Moniz, amparados tamén polo selo de calidade diferenciada Artesanía Alimentaria, e os doutros produtores locais.

Este proxecto, engadiu, ofrece un incentivo turístico dentro dunha contorna paisaxística de referencia como é Ribeira Sacra e, ao mesmo tempo, contribúe á dinamización socioeconómica desta comarca. Isto vai na liña do que supón o programa Leader, que serve para apoiar este tipo de accións que serven para impulsar o desenvolvemento rural.

Programa Leader

A conselleira do Medio Rural salientou que desde o seu departamento apóstase por medidas que contribúen á dinamización deste tipo de contornas. Por iso, lembrou que en breve se publicará “a maior convocatoria da historia” do programa Leader, cun orzamento de 28,7 millóns de euros para o período 2026-2027. Este investimento, explicou, permitirá que os xestores dos proxectos poidan desenvolver as súas iniciativas cunha maior marxe de tempo.

Deste xeito, con estas axudas financiaranse iniciativas como a de Experiencias queixeiras no corazón de Galicia de Arias Moniz, proxectos produtivos que xeran emprego ou autoemprego; ou non produtivos que beneficien á poboación das zonas rurais.

Nova PAC

Os fondos de desenvolvemento rural, dentro dos que se atopa o Leader, son imprescindibles na nosa comunidade e, por iso, desde o Goberno galego defendemos que se blinde este financiamento na futura PAC. A actual proposta supón o desmantelamento do modelo actual da política agraria europea, baseado en dous piares con dous fondos diferenciados que permiten asegurar a renda dos agricultores e fomentar o desenvolvemento rural.

Neste sentido, desde Galicia estase a defender, no marco das negociacións, unha PAC forte e dotada con recursos suficientes que blinden non só as axudas directas, senón tamén os fondos para o desenvolvemento rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2026