Medio Rural organiza en Quiroga unha xornada formativa sobre a elaboración de aceite de oliva virxe extra de calidade en Galicia
Terá lugar o vindeiro sábado 24 deste mes de xaneiro na casa da Cultura da localidade lucense
O obxectivo da iniciativa, na que participarán expertos galegos e portugueses, é afondar na elaboración deste produto na nosa comunidade, poñendo o foco nos aspectos técnicos do traballo en almazara, no control dos procesos e na profesionalización do sector como base para o seu desenvolvemento sostible no rural
Este mesmo ano iniciarase a produción de planta de oliveiras certificadas de variedades autóctonas na Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño Centro, co obxectivo de que os produtores poidan dispoñer delas
Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2026
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza unha xornada formativa sobre a elaboración de aceite de oliva virxe extra de calidade en Galicia. Terá lugar o vindeiro sábado 24 de xaneiro na casa de Cultura de Quiroga (Lugo), en horario de mañá, co título Elaborar aceite de oliva virxe extra de calidade en Galicia: Cara a unha calidade diferenciada do AOVE galego.
O obxectivo da iniciativa, na que participarán expertos galegos e portugueses, é afondar na elaboración deste produto na nosa comunidade, poñendo o foco nos aspectos técnicos do traballo en almazara, no control dos procesos e na profesionalización do sector como base para o seu desenvolvemento sostible no rural galego.
Así, nun contexto atlántico con características propias, a calidade do aceite de oliva virxe extra (AOVE) depende en gran medida dun manexo axeitado da almazara, do coñecemento técnico-científico e da capacidade para avaliar e mellorar o produto final. Ao longo da xornada abordaranse estes aspectos desde unha perspectiva práctica, científica e estratéxica, combinando experiencias profesionais contrastadas, coñecemento académico e análise sectorial.
Así mesmo, dentro da xornada a cata de aceites intégrase como ferramenta técnica aplicada á elaboración, mentres que a proposta gastronómica final permitirá poñer en valor o AOVE galego como produto de calidade diferenciada e con potencial económico.
Investigacións sobre oliveiras autóctonas
Desde a Consellería do Medio Rural estase a traballar para favorecer o desenvolvemento das oliveiras autóctonas e, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, participa en dúas iniciativas encamiñada a avanzar nesta liña. Este mesmo ano vaise iniciar a produción de planta de oliveiras certificadas de variedades autóctonas na Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño, situada en Salceda de Caselas, co obxectivo de que os produtores poidan dispoñer delas e tamén para continuar estudándoas.
En total empregaranse catro destas variedades autóctonas. Neste senso, todas as accións que se están a levar a cabo, xunto con outras necesarias, van encamiñadas á creación dunha indicación xeográfica protexida específica para o aceite galego.
As persoas interesadas en participar nesta xornada pódense inscribir a través da seguinte ligazón: https://forms.gle/WyvkSsUw4AR3XMPK9