Rueda mantén un encontro co embaixador da República Checa para avaliar as oportunidades comerciais entre ambos territorios

O presidente da Xunta e Libor Sečka analizaron as posibles inversións na nosa comunidade e a situación das exportacións

Abordaron a maneira de estreitar lazos culturais e de seguir traballando en medrar o turismo entre as dúas rexións

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o embaixador da República Checa en España, Libor Sečka, mantiveron esta semana unha reunión, que produciuse no marco da visita do embaixador a Galicia para asistir xunto ao presidente ao acto simbólico de colocación da primeira pedra da planta de carbón vexetal de Xeal en Dumbría.

Durante o encontro, os mandatarios compartiron diversas actuacións relevantes para os dous territorios. Por un lado, a República Checa consolidouse nos últimos anos como un mercado europeo relevante e estable para as exportacións galegas, acadando os 170,3 millóns de euros en 2024, polo que estudaron distintas maneiras de continuar a tendencia positiva.

Ademais, avaliaron a situación das diversas inversións checas en Galicia, referidas, entre outras, a empresas como Xeal o Energo-Pro, que teñen plantas hidroeléctricas no noso territorio. E analizáronse outros proxectos estratéxicos que poderían abordarse tanto no ámbito hidroeléctrico como noutros sectores, como o da automoción.

O presidente e o embaixador tamén falaron da posibilidade de realizar actos na comunidade para afianzar as relacións culturais entre os dous territorios. E abordáronse distintas maneiras de impulsar o mercado turístico, tendo en conta o repunte dos visitantes procedentes da República Checa, cun crecemento nos últimos anos de peregrinos e das pernoctacións nos hoteis.

Neste sentido, coincidiron na gran oportunidade de seguir medrando con ocasión do próximo Xacobeo 2027, ao que Rueda convidou a Libor Sečka a participar.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2026