Villaverde aborda con Abanca vías de colaboración para reforzar o apoio ao sector pesqueiro
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, analizou este luns con representantes de ABANCA distintas vías de colaboración que permitan reforzar o apoio ao sector marítimo-pesqueiro galego, considerado estratéxico para a economía e o emprego da comunidade.
No encontro, no que tamén participaron os directores xerais de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e de Desenvolvemento Pesqueiro, Isaac Rosón e Ángeles V. Suárez, respectivamente, ambas partes analizaron a situación actual, marcada polos retos da sustentabilidade, a modernización da frota, a innovación e a mellora da competitividade das empresas da cadea mar-industria. Un contexto no que a colaboración público-privada se fai necesaria para garantir o futuro do sector, o crecemento sostible e o mantemento e creación de novos postos de traballo nas rexións costeiras.
A entidade bancaria conta cunha liña de negocio específica e especializada no ámbito do mar, polo que a conselleira escoitou as propostas e liñas de traballo que lle trasladaron para este ano, co obxectivo de seguir axudando aos profesionais do sector na financiación de novos proxectos.