A Xunta avanza na elaboración da nova Estratexia de protección das persoas consumidoras
A Coruña, 19 de xaneiro de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa xerente do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa presidenta da Federación Galega de Asociacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Brétema, Rosa Otero, e outras representantes da entidade en relación coa elaboración da nova Estratexia de protección das persoas consumidoras e usuarias. Esta reunión enmárcase no proceso participativo e de escoita activa coas organizacións de persoas consumidoras e usuarias para lanzar a futura estratexia en correspondencia cos pasos que se están a dar a nivel europeo e nacional.
Tamén forma parte da colaboración da Xunta con estas entidades a prol da atención ás persoas consumidoras. Neste sentido, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración conta con oficinas de atención presencial nas sete principais cidades galegas así como co teléfono de balde 900 23 11 23, que funciona de 9,00 a 14,00 h e de 17,00 a 19,00 h de luns a venres para ofrecer información e asesoramento en materia de consumo.