Diego Calvo enxalza o “gran nivel" do Centro galego de tecnificación deportiva no que xa adestra Rodrigo Conde de cara aos xogos de Los Ángeles
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes mantivo un encontro co remeiro de Moaña que acadou un diploma olímpico nos Xogos de París e amosou a súa satisfacción polo seu regreso a Galicia para adestrar nestas instalacións
Referiuse aos 1.800 deportistas recoñecidos de alto nivel como “exemplo desa Galicia Calidade”, dunha comunidade “repleta de talento, líder tamén no deporte e no benestar pola que seguiremos traballando”
Pontevedra, 20 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do secretario xeral para o Deporte, Roberto García, mantivo un encontro co remeiro galego Rodrigo Conde, diploma olímpico no dobre scull dos Xogos Olímpicos de París 2024 e que regresa a Galicia para adestrar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de cara aos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028.
O mandatario galego gabou a carreira do remeiro en banco móbil de Moaña que tamén foi subcampión mundial en 2022 e destacou que, xunto a Caetano Horta, devolveulle ao remo galego as súas mellores épocas. Neste sentido amosou a súa satisfacción polo seu regreso a Galicia para preparar as súas grandes metas, ao tempo que fixo fincapé no incremento do alto nivel da comunidade que xa conta con preto de 1.800 deportistas recoñecidos. “Son un exemplo desa Galicia Calidade”, dunha comunidade “repleta de talento e líder tamén no deporte e no benestar, pola que seguiremos traballando”, afirmou o conselleiro.
No CGTD fórmanse máis de 160 deportistas cada ano. Un centro do que xa teñen saído preto de 40 olímpicos e paralímpicos ao longo da historia, nunha lista en constante renovación que non deixa de medrar.
En canto a este crecemento, Diego Calvo lembrou como a Xunta apostou pola creación dun Centro de Alto Rendemento, que será o terceiro de España, e que ratificará a Galicia como referente deportivo nacional e internacional. Deste xeito, preténdese que ningún deportista galego teña que marchar e, ademais, que os mellores deportistas de fóra de Galicia veñan a formarse, como xa ocorre en moitas disciplinas.
O pasado 17 de decembro a Xunta publicou o contrato de servizos de redacción do proxecto de interese autonómico (PIA) do futuro Centro de Alto Rendemento de Galicia, así como a redacción do proxecto de parcelamento para a obtención do solo destinado á construción do CAR. O prazo para a presentación de ofertas está aberto ata o 5 de febreiro.