A delegada territorial de Ferrol visitou esta mañá a zapatería Vicky Nores, beneficiaria da pasada convocatoria
Martina Aneiros pon en valor as novas achegas da Xunta para o impulso da innovación e sostibilidade do comercio local e artesanal
Á convocatoria deste ano destas achegas a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina un orzamento de 3,95 M€
Ferrol, 20 de xaneiro de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a zapatería Vicky Nores, en Ferrol, beneficiaria das axudas para apoiar proxectos de innovación, dixitalización e mellora da sostibilidade do comercio retallista e dos obradoiros artesanais, na anterior convocatoria coa que a Xunta de Galicia repartiu preto de 100.000 euros en axudas a 23 negocios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
Concretamente, a zapatería Vicky Nores percibiu unha achega autonómica de máis de 15.000 euros que destinou ó mantemento da súa web, mellora do posicionamento dixital e dos sistemas dixitais de stock; actuacións de renovación da fachada, rótulo, escaparates, portas de entrada e interior do local; así como adquisición de bolsas de papel.
A delegada territorial explicou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina a esta convocatoria un orzamento de 3,95 M€.
En concreto abarca tres liñas de axudas compatibles entre sí. Unha está orientada á dixitalización e innovación comercial; outra á modernización e mellora da imaxe; e a última, a incrementar a sostibilidade ambiental a través dunha maior conciencia sobre as embalaxes.
Martina Aneiros explicou que a orde deste ano inclúe novidades que buscan, entre outras cousas, chegar a máis negocios beneficiarios, por exemplo, a empresas con varias tendas que ata o de agora non podían acceder ás achegas, e avanzar na simplificación administrativa. Tamén se amplía o período subvencionable para atender todas as actuacións realizadas desde o fin do prazo marcado na anterior orde, o 25 de outubro de 2025. Así mesmo, axilizarase a concesión das achegas ao exixir menos documentación complementaria. A contía da axuda elévase do 80% xeral ao 90% para establecementos implicados no proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas.
Lembrou tamén que esta convocatoria se enmarca no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, co obxectivo de apoiar ao sector na adaptación ás tendencias de consumo coa introdución de tecnoloxías, acondicionamento dos locais comerciais, na mellora dos equipamentos, así como no compromiso ambiental.
Accións subvencionables
En canto ás accións subvencionables, a liña de dixitalización e innovación comercial inclúe, entre outras, actuacións como a implantación e mantemento de páxinas web, ferramentas de posicionamento dixital, terminais de autopagamento, xestión de redes sociais ou loxística e-commerce, engadindo como novidade as memorias-proxectos de dixitalización. O investimento máximo subvencionable será de 18.750€ e a axuda máxima, de 15.000€.
Na liña de modernización, inclúense obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda, incluída a adquisición de mobiliario auxiliar; custos dos servizos profesionais para a redacción de proxectos de interiorismo e decoración, así como accións para mellorar a eficiencia enerxética. Tamén abarca a adquisición de maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar relacionado coa actividade comercial e artesanal, incorporando como novidade os aparatos eléctricos de aromatización e fío musical. Neste caso, o investimento máximo establécese nos 20.000€ e a achega máxima, nos 16.000€.
Por último, na liña destinada á sostibilidade ambiental, considéranse subvencionables as actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño á dimensións dos produtos, con investimentos en caixas de cartón ou bolsas de papel 100% reciclado, recheos para embalaxe, bolsas de tea de algodón, liño ou cáñamo 100% e, como novidade, bovinas de papel 100% reciclado. Nesta liña, o investimento máximo subvencionable será de 2.500€ e a achega máxima, de 2.000€.