A secretaria xeral técnica, a directora xeral de Patrimonio Natural e o delegado territorial da Xunta en Ourense reuníronse con representantes do sector na provincia

A Xunta analiza cos gandeiros as necesidades e preocupacións no desenvolvemento da súa actividade

Os responsables do Executivo galego comprometéronse a realizar distintas xestións no ámbito das súas competencias e a manter xuntanzas a nivel institucional co fin de buscar, na medida do posible, solucións a esas cuestións

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático estudará a proposta de plan de rozas e queimas controladas nos espazos naturais da súa competencia que vai elaborar o sector agrogandeiro da zona

 

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2026

A secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Carmen Bouso, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, mantiveron esta mañá un encontro con representantes do sector gandeiro da provincia no que escoitaron as súas demandas e as principais preocupacións e problemas que se atopan no desenvolvemento da súa actividade.

Os responsables do Executivo galego comprometéronse a realizar distintas xestións no ámbito das súas competencias e a manter distintas reunións a nivel institucional co fin de buscar, na medida do posible, solucións a esas cuestións.

Neste sentido, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático acordou estudar a proposta de planificación de actuacións de rozas e queimas controladas nos espazos naturais da súa competencia que vai elaborar o sector agrogandeiro da zona. Ao mesmo tempo, realizará visitas conxuntas sobre o terreo para comprobar as necesidades máis urxentes e sobre as que se poida actuar de xeito inmediato.

Nesta liña, tamén se clarificaron as actuacións que se poden desenvolver en espazos da Rede Natura 2000, especialmente en áreas de uceiras e pastos, de cara a acadar unha xestión compatible do monte cos aproveitamentos sostibles.

A maiores, os representantes da Xunta trasladaron aos gandeiros que o Goberno autonómico os vai seguir apoiando, na medida do posible, fronte aos danos causados nas súas explotacións por especies silvestres como o lobo ou o xabaril. Neste sentido, entre decembro do ano pasado e este mes publicáronse distintas ordes de axudas que suman preto de 4 millóns para previr e compensar os danos causados por estes animais silvestres nas explotacións e nos cultivos do sector agrogandeiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/01/2026