A Xunta achegou máis de 155.000 euros a 18 comercios da zona sur da provincia de Lugo para apoiar actuacións de mellora da competitividade
O delegado territorial, Javier Arias, explica que se financiaron con cargo ás axudas concedidas en 2025 para impulsar iniciativas de dixitalización, modernización e sostibilidade ambiental no sector comercial e artesanal
Sinalouno no marco dunha visita a distintos establecementos con motivo da nova convocatoria destes apoios, que está aberta cunha dotación de preto de 4 M€
Monforte de Lemos (Lugo), 20 de xaneiro de 2026
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou o ano pasado un total de 155.600 euros a apoiar actuacións de mellora da competitividade impulsadas por 18 comercios da Zona Sur da provincia – comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga -.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe algúns dos establecementos que se acolleron en 2025 a estas axudas con motivo da nova convocatoria que está aberta e que está dotada con preto de 4 millóns de euros. Con este tipo de apoios o Goberno galego financia iniciativas de dixitalización, innovación e sustentabilidade ambiental promovidas por negocios locais e artesanais.
Arias coñeceu os proxectos desenvolvidos en Monforte por The Closet e Gourmet Gallego, adicados respectivamente á venda de moda e alimentación. Neste municipio concedéronse trece axudas. Tamén hai dúas firmas beneficiarias en Quiroga e unha en Chantada, Carballedo e O Saviñao, respectivamente.
Este programa abrangue tres liñas de financiamento compatibles entre si. Unha delas está orientada á dixitalización e á innovación comercial; a outra á modernización das instalacións e unha terceira á sustentabilidade ambiental no emprego de embalaxes.
Entre as novidades deste ano destaca a simplificación administrativa e a axilización do procedemento de concesión e dos pagamentos anticipados. Tamén se amplía o período subvencionable para atender todas as actuacións realizadas desde o fin do prazo marcado na orde anterior, o 25 de outubro de 2025.
Arias destacou que esta iniciativa enmárcase no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, que recolle 74 accións específicas para promover un sector clave para a economía da Comunidade.