A conselleira do Mar presidiu o Pleno deste órgano consultivo
O Consello Galego de Pesca aproba, por unanimidade, o ditame coas propostas de Galicia para paliar o resultado do acordo de TAC e cotas para 2026
No documento, que será remitido nas vindeiras horas pola Xunta ao Ministerio, pídese un reparto de posibilidades de pesca axustado á realidade das pesqueiras e acorde ás especies con especial incidencia na comunidade
Recóllense as propostas de Galicia para as especies máis afectadas e que, coma a xarda, aínda non teñen un acordo definitivo posto que non se publicou o Regulamento
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro do 2026
O Consello Galego de Pesca, presidido pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, aprobou, por unanimidade, o Ditame coas propostas de Galicia coas que se procura paliar o resultado do acordo de TAC e cotas para 2026 ao que chegaron os ministros de Pesca da Unión Europea na negociación celebrada a mediados de decembro en Bruxelas, e que prexudica de xeito notable á frota galega.
O Consello Galego de Pesca amosou a súa fonda preocupación por esas negociacións, que aínda non teñen un resultado definitivo ao non terse publicado o Regulamento que as aproba, quedando pendentes stocks tan importantes como a xarda. Na reunión que o Ministerio mantivo a nivel técnico coas comunidades autónomas e co sector o pasado 8 de xaneiro, trasladou que non tiña unha proposta distinta ao xa negociado, e instou a que lle presentasen alternativas.
Neste senso, o órgano consultivo que representa ao todo o sector pesqueiro reuniuse de xeito extraordinario e pechou un documento en forma de Ditame, que será remitido pola Xunta nas vindeiras horas ao Ministerio de Agricultura, de Pesca e de Alimentación, e no que se pide un reparto das posibilidades de pesca para este ano axustado á realidade actual das pesqueiras e acorde ás especies que son obxecto de especial preocupación para a comunidade, como son a xarda, o lirio e abadexo.
A intención é que o Ministerio aproveite esas propostas de cara ao Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea (Agrifish), que se celebra o día 26 deste mes en Bruxelas, para poder facer unha mellor defensa dos interesas da frota galega.
Entre a propostas que recolle o documento, para a xarda pediríase un tope definitivo que non sexa tan prexudicial como a redución negociada en decembro. Asemade, pídese que se admita unha flexibilidade interanual superior ao 10 %, precisamente pola situación excepcional da pesqueira en relación coas afectacións socioeconómicas. Para o lirio as propostas irían na mesma liña que para a xarda.
No que se refire ao abadexo, o Ditame recolle dúas peticións moi concretas: manter a cota de 1.369 toneladas asignadas nos anos 2022 e 2023 e establecer para a avaliación desta especie os niveis 1 e 2 de categoría de datos. Isto suporía usar más dun índice (Francia + España), o que evitaría a redución do stock na zona 8c, é dicir, as augas fronte á costa cantábrica e Golfo de Biscaia.
Para o linguado pídese manter o límite asignado a España no 2025. Asemade, para a pescada plantéxase evitar o efecto perverso que provoca a situación dos peches na avaliación dos stocks, así como realizar unha avaliación científica máis precisa considerando áreas máis pequenas.
O documento tamén propón o establecemento dunha asignación, en concepto de pesca fortuíta, do atún vermello para os segmentos de flota galegos do arrastre, cerco e artes menores, o incremento da do palangre de superficie e a mellora das porcentaxes de asignación de cota da sardiña e bocarte. Con respecto ao bocarte, tamén se contempla a posibilidade de establecer unha liña de traballo de cara a unha asignación de pesca accesoria desta especie para a artes menores de xeito, racú e piobardeira nas zonas CIEM 8c e 9a.